O empresariado de Santiago lanza un concurso de ideas para solucionar retos tecnolóxicos da industria

mércores, 21 de outubro do 2020 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre e a Cámara de Comercio de Santiago puxeron en marcha un concurso de ideas e proxectos para identificar as necesidades de innovación do tecido produtivo e dar resposta aos retos que existen tanto no sector industrial como no ámbito da investigación. Este concurso está destinado a persoas que teñan unha patente ou idea de negocio, mesmo un proxecto empresarial, así como diferentes retos para propoñer a investigadores e tamén a posibilidade de colaborar nun proxecto como mentores.
As iniciativas poden xirar sobre catro eixos estratéxicos: industria agroalimentaria; saúde e envellecemento activo; industria de transformación 4.0; e industria creativa, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e turismo.
A iniciativa enmárcase no Programa INTERREG V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, que persegue o crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial, buscando a promoción do espírito empresarial, facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas –spin-offs universitarias e start-ups innovadoras– a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento neste espazo de cooperación entre universidade e empresa en Galicia e Norte de Portugal.
Os socios do proxecto son Uninova – incubadora para a creación de empresas de base tecnolóxica resultantes de proxectos de I+D da Universidade de Santiago de Compostela–, a Asociación Área Empresarial do Tambre, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Cámara de Comercio de Santiago, a Universidade do Porto e a Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE).

PUBLICIDADE