O empuxe innovador da viguesa Cover Fit imponse no programa de bolsas de APD

luns, 24 de xuño do 2019 Redacción

A Asociación para o Progreso da Dirección, APD, vén de facer entrega de 20 bolsas ás startups gañadoras da primeira edición do seu programa de apoio ao emprendemento e á innovación. O certame de Becas APD púxose a disposición das máis de 3.500 empresas socias, que tiveron ocasión de presentar os seus candidatos. Entre os mellores proxectos elixidos salientou a viguesa Cover Fit, centrada en ecommerce de accesorios deportivos, que se proclamou vencedora desa primeira convocatoria. Os motivos? O seu carácter innovador e o seu “excepcional modelo de negocio”.
En virtude deste recoñecemento, a empresa poderá acceder de balde, durante un ano, a toda a formación, intercambio e networking que ofrece APD, amais de integrarse en cada unha das máis de 700 actividades que a asociación celebra anualmente.
Segundo informa APD, coa primeira convocatoria desta bolsa quíxose achegar aos proxectos emerxentes e aos emprendedores a expertos e líderes empresariais, aproximándoos tamén ás ferramentas que precisan para “facer medrar o seu universo de relacións e a formación dos seus recursos humanos”.
A startups gañadoras desta edición de estrea, entre as que se inclúe Cover Fit, salientan en diferentes eidos tecnolóxicos, como os mercados online orixinais ou a posta en xogo de chatbots para a mellora de servizos. Así mesmo, destacaron na introdución da Intelixencia Artificial e a Aprendizaxe Máquina (Machine Larning) aplicadas a procesos para empresas e a xestión do coñecemento.

PUBLICIDADE