O enxeñeiro Andrés Comerma será o protagonista do Día da Ciencia 2020

mércores, 12 de febreiro do 2020 Redacción

O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma y Batalla, será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, segundo indica a entidade, “descoñecidas para o gran público na maioría dos casos”. A RAGC destaca o “caracter polifacético e visionario deste intelectual”, que foi quen de introducir unha manchea de innovacións tecnolóxicas na nosa terra, entre as que se contan a telefonía ou os raios X. Comerna foi elixido polo pleno da academia de xeito unánime.
O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, pero a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas a Comerma e aos seus eidos de coñecemento para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión sobre a súa figura.
Pioneiro da enxeñería naval
Andrés Avelino Comerma y Batalla naceu en 1842 na localidade de Valls (Tarragona), aínda que desenvolveu toda a súa carreira en Galicia desde que aos 21 anos se fixera cunha praza na Escola de Enxeñeiros da Armada de Ferrol. Tres anos despois foi nomeado profesor de Física e Xeometría da Maestranza e enxeñeiro auxiliar do estaleiro de Ferrol. Durante esta primeira etapa en Galicia, licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago e exerceu como correspondente do xornal La Renaixença, publicación ligada ao movemento catalanista.
Recoñecido na comunidade científica como “unha das figuras máis relevantes da tecnoloxía naval española dos últimos séculos”, Comerma foi o autor do proxecto e director da construción da obra máis importante realizada en Galicia en todo o século XIX: o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, tamén coñecido como Dique de San Julián, que polas súas dimensións se converteu nun dos máis grandes do mundo na súa época.
Logo da inauguración do dique, que hoxe segue a pleno rendemento, foi nomeado xefe do estaleiro, un cargo desde o que dirixiu a construción de embarcacións moi diversas, desde fragatas acoirazadas ata cruceiros. Pero tamén se involucrou na dirección doutro tipo de obras, coma os xardíns das Angustias e o Hospital da Mariña en Ferrol.
Uns anos máis tarde, presentou o seu proxecto máis ambicioso: a unión de Europa e África mediante a construción dun túnel submarino baixo o estreito de Xibraltar. A súa proposta, de 19 km. de lonxitude e máis de 800 metros de profundidade nalgúns tramos, atopouse coa oposición de Gran Bretaña e quedou sobre o papel como un proxecto visionario de gran calidade técnica.
Apaixonado pola innovación tecnolóxica
A RAGC lembra que Comerma introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia, inspirado polas súas viaxes e intereses diversos. “A el”, explica a academia, “debeuse a instalación da primeira liña telefónica de Galicia, que no ano 1878 comunicou a Capitanía e o Arsenal de Ferrol, ao que cómpre engadir as primeiras experiencias en Galicia con raios X”. A electricidade foi outra das súas paixóns, ata o punto de participar en 1881 en París na elaboración do Código das unidades eléctricas xunto con científicos de primeira categoría como Siemens e Thompson. Os seus estudos sobre a electricidade valéronlle posteriormente a concesión da Lexión de Honra francesa.
Sobre estes e outros avances tecnolóxicos do seu tempo, como o cinematógrafo ou o fonógrafo, realizou investigacións e publicou numerosos textos divulgativos. Comerma coñecía oito linguas (galego, catalán, castelán, portugués, francés, inglés, aleman e italiano) e ademais foi o introdutor do esperanto en Galicia.


PUBLICIDADE