O enxeñeiro Jesús Doval ingresa na RAGC

mércores, 2 de abril do 2025 Redacción

A Real Academia Galega de Ciencias celebra este xoves o acto de ingreso do enxeñeiro industrial Jesús Doval Gandoy (Lugo, 1965), catedrático de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas da institución.
O acto terá lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela ás 18:30 horas, onde o investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado Conversión de enerxía eléctrica e electrónica de potencia. O encargado de realizar a laudatio será o académico da RAGC Pedro Merino, catedrático emérito da Universidade de Vigo.
Jesús Doval Gandoy é membro do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da UVigo, onde dirixe o Grupo APET, centrado en resolver problemas sociais relevantes vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica, aplicando os seus resultados á mellora de sectores como o transporte ou a enerxía. A súa actividade investigadora está enfocada nos accionamentos eléctricos e no control de convertedores conectados á rede eléctrica para optimizar a súa calidade.