O enxeñeiro informático Roberto Vieito, vicesecretario do CPEIG, premio da Unión Profesional de Galicia
luns, 22 de xuño do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o galardón concedido ao enxeñeiro informático e vicesecretario da entidade, Roberto Vieito Raña, nos Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2026 da Unión Profesional de Galicia (UPDG). Estas distincións foron entregadas nun acto celebrado este sábado 20 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiu o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e o secretario do Colexio, Juan José González.
O CPEIG propuxo a Roberto Vieito para esta distinción polo seu traballo e esforzo constante en prol da profesión. Como vicesecretario da Xunta de Goberno do CPEIG desde 2015, “é defensor convencido da función constitucional, social e representativa dos colexios profesionais”. Colabora activamente nas diversas iniciativas promovidas desde o CPEIG, destacando especialmente nas que teñen que ver coa valorización e promoción da profesión da enxeñaría en informática. Neste senso lidera diversas actuacións de cara ao recoñecemento e equiparación nobre profesión na función pública.
Roberto Vieito Raña (A Baña, 1982) é Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña e Máster en Software Libre e de especialización en Xestión da Innovación, Desenvolve a súa carreira profesional cunha marcada vocación de servidor público comprometido coa innovación, as tecnoloxías libres, a inclusión social e a transformación dixital.
O inicio da súa carreira profesional foi no ámbito do cooperativismo galego e da computación, accedendo posteriormente á función pública na administración galega. Desempeñou funcións en distintas entidades do sector público autonómico galego, sempre cun carácter fortemente ligado ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación.
A súa contribución axudou á implantación de novos sectores e industrias en Galicia, á captación de recursos europeos e estatais para aumentar as capacidades da nosa terra, así como á xénese e operativa de diversos instrumentos e órganos técnicos de apoio tanto á transformación dixital como á inclusión social e á innovación.
Na actualidade traballa (no ámbito da innovación e das tecnoloxías da información) nunha axencia pública autonómica da Xunta de Galicia. Adicionalmente, forma parte de diversos órganos asesores, técnicos e observatorios, achegando sempre unha visión tecnolóxica transversal fortemente sustentada nos principios da enxeñaría, da ciencia, do progreso, da xustiza social e do humanismo.
Compaxina esta actividade profesional con cargos representativos no eido social, así como con docencia circunstancial en cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e colaboracións docentes en universidades ou centros de ensino secundario e primario. Tamén participou na autoría e revisión de varios libros, sendo ademais un profesional cunha significativa actividade de voluntariado tecnolóxico e cunha longa traxectoria de participación en asociacións de carácter social e de software libre.
Durante a súa carreira profesional ten recibido varios premios, entre os que destaca o Premio ao Empregado Público Innovador da Xunta de Galicia. É membro do Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, do Consello Editorial da revista TIG@, etc, así como membro suplente do Consello Galego de Intelixencia Artificial.
Forma parte dos promotores e relatores da iniciativa Navega con Rumbo do CPEIG e a Consellería de Educación, galardoada pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) en recoñecemento ao seu impacto social.
A UPDG tamén celebrou na xornada do sábado 20 de xuño o I Simposium Innovación Tecnolóxica e Compromiso Social con varias mesas redondas, como a titulada Impacto da Intelixencia Artificial nas nosas profesións, na que participaron Fernando Suárez; Roberto Vieito; o vogal do CPEIG, Benigno Rosón; e o avogado Víctor Salgado, socio director de Pintos & Salgado, firma referente en Galicia en Dereito Dixital, Protección de Datos, TIC e Intelixencia Artificial.
