O equipo UVigo Aerotech compite en Alemaña co seu dron MIR-10
xoves, 11 de xullo do 2024
O equipo UVigo Aerotech, formado por alumnado do Campus de Ourense, principalmente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, está estes días en Alemaña para competir na Air Cargo Challenge 2024, un dos certames máis importantes de aeronaves de competición. Farao co seu novo dron, MIR-10, froito de todo un curso de traballo colectivo no seu deseño, fabricación e ensamblaxe.
O certame celébrase esta semana até o venres 12 de xullo en Aachen e é a segunda vez que o equipo do Campus de Ourense participa nel. MIR-10, explican os seus responsábeis, “representa un significativo avance respecto ao seu predecesor, o CORV-0, presentado no mesmo evento no ano 2022”. O novo dron destaca por ser a segunda aeronave de UVigo Aerotech fabricada en fibra de carbono. “Unha das principais innovacións deste modelo é a substitución da estrutura interna de aluminio por madeira cortada por láser, o que permitiu unha gran redución de peso tras unha extensa análise”, indican. Ademais apuntan que “mellorouse a aerodinámica e incorporáronse avances na electrónica, que optimizan o rendemento xeral da aeronave en comparación cos seus predecesores”.
Competir en Alemaña cun dron propio foi realidade grazas ao esforzo e dedicación dun equipo multidisciplinario, sinalan, que logrou desenvolver o MIR-10 na metade de tempo comparado coa anterior edición. Este curso académico, o equipo experimentou “un significativo crecemento”, chegando a estar formado por 43 persoas e establecendo un novo departamento de investigación e desenvolvemento no que sobresae a participación de alumnado procedente da Escola Superior de Enxeñaría Informática. “Este departamento céntrase na aplicación de xemelgos dixitais no desenvolvemento de aeronaves e o deseño de ás volantes con tecnoloxía morphing wing, o que promete futuras innovacións e melloras nos seus proxectos”, explican.
Igualmente, desde UVigo Aerotech subliñan “a gran calidade dos materiais proporcionados polos patrocinadores, así como o proceso de fabricación seguido colaborando con diferentes empresas”. Neste senso agradecen o apoio dos seu patrocinadores, entre os que destacan Coasa, Utingal, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, Symula, a Axencia Galega de Innovación e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.