O equipo estudantil da UVigo Aerotech Solaris competirá a nivel estatal co seu foguete Viradinha MkII

mércores, 17 de xuño do 2026 S. P.

Será o vindeiro mes de xullo, en Huesca, cando teña lugar a Competición da L1, cita organizada por Surt e SpainRocketry que reúne a estudantes universitarios de toda España para deseñar, construír e lanzar un foguete de alta potencia. A esa cita asistirán o equipo estudantil UVigo Aerotech que desenvolveu o proxecto Solaris, centrado no deseño e manufactura de foguetes para acudir a competicións estatais e internacionais. Alí competirán co seu modelo Viradinha MkII, deseñado, desenvolvido e fabricado por eles mesmos ao longo deste curso académico 2024/25.
Indo ao proxecto Solaris, dicir que participan arredor de 33 estudantes de diferentes graos dos campus de Ourense e Vigo, concretamente dos graos de Enxeñaría Aeroespacial, Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática, Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Segundo explican desde o equipo, trátase "dun proxecto ambicioso e moi ilusionante" cuxas actividades actualmente consisten en realizar foguetería a nivel competitivo con obxectivo principal participar na EuRoC’’27 (European Rocketry Challenge), desenvolver motores propios de combustible sólido (SRAD) e converterse no estándar de software de código aberto en foguetería afeccionada co seu Solaris Software.

O equipo da UVigo Aerotech Solaris

Solaris, explican desde a súa organización, naceu na primavera de 2024 e anexionouse oficialmente a UVigo Aerotech a comezos do curso académico 2024/25, onde debutou co seu primeiro foguete, Fervenza, en outubro. Tratouse dun foguete de auga, “un primeiro paso fundamental para a continuación do proxecto dentro de UVigo Aerotech”. No seu lanzamento, alcanzou máis de 25 m de altura e unha velocidade máxima de aproximadamente 130 km/h. O segundo foguete desenvolvido por Solaris foi Fénix, deseñado co principal obxectivo de participar nas JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial) de 2024.
Logo desta fase de aprendizaxe e experiencia, chegou Viradinha, primeiro foguete de combustible sólido desenvolvido polo equipo da UVigo e lanzado con éxito en xullo de 2025 en Ourense. Arestora, os membros de Solaris están a desenvolver unha versión avanzada del, chamada Viradinha MkII, que conta con 1.23 metros de altura, aviónica con telemetría incorporada, apoxeo estimado de 400-500 metros, masa total de 1,6 quilogramos aproximadamente, velocidade máxima de 470 km/h e tempo de voo de 1 minuto.
O reto agora é participar con Viradinha MkII na Competición L1 (o principal evento de foguetería amateur para a certificación Nivel 1) e obter alí a certificación oficial L1 de Tripoli. Ademais do lanzamento, os equipos participantes nesta cita deben presentar un proxecto técnico e traballar aspectos como a organización, a seguridade e o deseño do modelo. A iniciativa, salientan desde Solaris, busca fomentar a colaboración e a aprendizaxe entre os distintos equipos universitarios de foguetería de España. A final celebrarase en xullo en Alcolea de Cinca (Huesca) e nela UVigo Aerotech será “o único equipo galego que participa, o que nos enche de orgullo". A experiencia nesta L1 vai a servirlle aos membros de Solaris como preámbulo á súa participación na EuRoC, competición que se celebrará en 2027 e unha das citas do seu eido “máis esixentes a nivel mundial”.
Ao igual que no caso do proxecto de aeromodelismo Aine de UVigo Aerotech, no proxecto Solaris o estudantado traballa organizado en diferentes departamentos: no de dinámica e control, no departamento de electrónica, en estruturas e aerodinámica e en propulsión.
Para rematar, desde o equipo Solaris queren agradecer o apoio emprestado polos patrocinadores, entre eles: a UVigo, Coasa, Marine Instruments, Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, atlanTTic, Aeromedia e o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC).