O escritor Xavier P. DoCampo entra na enciclopedia en liña Álbum de Galicia
martes, 23 de xuño do 2026
Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946 - A Coruña, 2018), unha das figuras de referencia da literatura galega contemporánea, é a nova incorporación á enciclopedia en liña Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG).
Manuel Bragado subliña na entrada que foi un autor prolífico que "publicou 35 libros de literatura infantil e xuvenil en galego, traducidos na súa maior parte ao castelán e en menor medida ao catalán, éuscaro, portugués, asturiano e inglés". Neles destaca unha forte presencia do conto oral, da ilustración, da lectura e da reivindicación do valor dos clásicos. Son libros protagonizados por “nenos e nenas valentes, decididos e autónomos, con escasa presenza e participación das persoas adultas, e cando a teñen adoitan ser persoas raras ou marxinais dentro da comunidade; indagacións colectivas arredor dun conflito artístico ou cultural”. Escribiu tamén contos de medo, misterio e do marabilloso, ao tempo que lembra que transitou outros xéneros literarios como o ensaio. Salienta entre eles Cando petan na porta pola noite, publicado en 1994, do que di “é o seu libro máis coñecido, polo que obtivo o Premio Rañolas ao mellor libro de lix (1995), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1996), incluído na lista White Ravens e seleccionado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez en xuño de 2000 como unha das cen obras da lix española do século XX”.
En Catro cartas (2000), o seu libro máis persoal, utilizou o xénero epistolar para revelar as razóns que o levaron a converterse en escritor e no que aparece unha das súas citas máis célebres “o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”.
Colección de biografías galegas na Rede
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.
Na actualidade conta con 795 entradas, das cales as máis recentes son as de Agustín Fernández Paz, África Leira, Concha do Canizo, a entrada colectiva da plataforma galega de dereito ao aborto, Heidi Kühn-Bode ou Luisa Villaverde.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
