O espazo Coruña Estudio Inmersivo (CEI) acollerá a nova edición do I+D, Ideas para Producir
luns, 21 de xullo do 2025
O encontro I+P, Ideas para Producir abriu a convocatoria de proxectos para a súa 19ª edición, que organiza o Clúster Audiovisual Galego e terá lugar os días 27 e 28 de novembro na Coruña. Os traballos poderanse inscribir ata o 30 de setembro ás 14:00 horas.
O espazo Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción virtual de España e un dos máis avanzados de Europa, impulsado pola Deputación da Coruña na Cidade das TIC, acollerá a celebración dunha nova edición deste foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais e encontros one to one.
Neste 2025, o I+P conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración das asociacións profesionais AGAG e CREA, de Music Library & SFX e de Gadisa.
En palabras do Clúster Audiovisual, o I+P supón “unha excelente oportunidade para a venda, o financiamento, a distribución e a coprodución de contidos para cine e televisión”. Ademais, engade, “converteuse nun encontro de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional”.
Este foro ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cinema ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas.
Ao igual que en anteriores edicións, seleccionaranse 18 proxectos que se presentarán o día 28 de novembro diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os decisión makers da industria que asistan este ano ao pitching.
