O espazo OneHealth DataSpace do CESGA é xa un referente no intercambio de datos para a saúde global

xoves, 16 de abril do 2026 S. P.

O Espazo de Datos OneHealth DataSpace do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), centrado no concepto One Health (termo en inglés acuñado OMS para describir a interrelación entre a saúde humana, animal e medioambiental), avanzou no seu proceso de consolidación como iniciativa punteira de innovación en favor da saúde global coa adhesión de máis de 10 novas entidades nos últimos meses.
A iniciativa OneHealth DataSpace (financiada polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia PRTR, con cargo aos fondos europeos NextGenerationEU), facilitou o acceso ao Kit Espazos de Datos do CRED (Centro de Referencia de Espazos de Datos) ás entidades adheridas ao proxecto. Este entorno integrarase na futura Factoría de IA One Health 1HealthAI do CESGA.
22 entidades adheridas
Facendo balance concreto, o CESGA indica que o proxecto OneHealth DataSpace alcanzou un total de 22 entidades adheridas ao espazo de datos tralo peche, o pasado 31 de marzo, do prazo de solicitude do Kit Espazos de Datos do CRED. “Este marco de colaboración permite a empresas, pemes e institucións compartir datos de forma segura e optimizar a súa explotación mediante tecnoloxías avanzadas”, apuntan fontes do CESGA engadindo que “cunha base xa definida de participantes, OneHealth DataSpace configura un escenario real de colaboración en torno ao dato, cunha forte presenza do ámbito sanitario”. Así, do total de 22 entidades adheridas ao espazo de datos, o 81,8% pertence ao sector da saúde humana, fronte ao 13,6% que xera datos de saúde medioambiental e o 4,5% de saúde animal.
En termos de actividade, 14 das 22 entidades (63,6%) xa ofrecen datos dentro do espazo, “o que reflicte un nivel relevante de adopción nunha fase temperá do proxecto”.
Ademais do intercambio de datos, OneHealth DataSpace proporciona ás organizacións un entorno tecnolóxico avanzado que combina HPC (computación de alto rendemento), Big Data (análise de información a gran escala) e Cloud (computación na nube). Este conxunto de capacidades permite transformar os datos en coñecemento útil e con marxe de aplicación.
A 1Health AI Factory é a única infraestrutura da rede de Factorías de IA de EuroHPC JU concibida especificamente para dar soporte á investigación e innovación enmarcadas na estratexia One Health. Impulsada polo CESGA e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), situará a Galicia e a España na vangarda europea do ecosistema tecnolóxico en saúde global, ofrecendo acceso a supercomputación, ferramentas avanzadas de IA e servizos de formación e acompañamento ao tecido empresarial, académico e investigador.