O estoxo de carga do Ai Pin ten risco de incendio

mércores, 5 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Despois de facer promesas imposibles de cumprir, como se constatou tras o lanzamento do Ai Pin, Humane está a encarar unha importante crise, comentándose que está a buscar con urxencia un comprador, deixando claro que os dispositivos baseados en IA de nacidos de pequenas empresas o teñen moi complicado para prosperar.
Aínda que parecía que a cousa non podía ir a peor, resulta que están a remitir aos seus clientes un correo electrónico indicándolles que deixen de utilizar inmediatamente o seu estoxo de carga, por ter detectado un problema. Pese a que están a minimizar o asunto asegurando de que só teñen constancia dun accidente atribuído ao uso dun cable e dun cargador de terceiros, o certo é que identificaron que a cela da batería do seu dispositivo presenta un problema de calidade, o que supón un potencial risco de incendio.
Agora aseguran ter vetado ao fabricante destas baterías e están a buscar unha alternativa que cumpra cos estándares de calidade esixidos.
Detallan que a batería do Ai Pin e as súas baterías externas non se verían afectadas por este problema, así como outros compoñentes da compañía, senón que unicamente presentaría problemas o estoxo de carga, que vén de ser retirado da venda, pero que podería provocar un dano aínda maior á reputación de Humane, pois non só traballan con expectativas pouco realistas, senón que tamén estaría a ser neglixente cos controis de calidade da fabricación dos seus produtos (que teñen prezos moi elevados).

PUBLICIDADE