O estoxo dos novos auriculares de HMD poden funcionar como batería externa

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

A marca que recuperou os móbiles de Nokia, HMD, vén de lanzar uns auriculares sen fíos, os HMD Amped Buds, que para moitos son toda unha revolución, non por contar con son de alta resolución da man da tecnoloxía Snapdragon Sound, por emparellarse rapidamente ao outros dispositivos, por contar con cancelación activa de ruído ou por ofrecer chamadas de calidade grazas aos seus 6 micrófonos, senón por o seu estoxo de carga, que integra unha batería de 1.600 mAh, de xeito que pode ofrecer ata 95 horas de autonomía e mesmo servir para cargar sen fíos a dispositivos que soporten a carga indutiva.
Estes auriculares contan cuns transdutores de 10 milímetros que ofrecen un son con graves potentes e amplificación dinámica de baixas frecuencias para facilitar escoitar con nitidez. Tamén son compatibles coa función de Atopar o meu dispositivo de Android e co asistente Gemini (que podemos invocar dando 4 toques). Outra función interesante dos HMD Amped Buds é a posibilidade de conectarse a dous dispositivos á vez, de xeito que cando se están a empregar para reproducir contidos multimedia no portátil pódese recibir unha chamada de teléfono sen complicacións.
Os auriculares HMD Amped Buds saen á venda en tres cores distintas (negro, ciano e rosa) a un prezo de 199,99 euros.

Vídeo promocional dos novos auriculares de HMD con carga inversa sen fíos