O estudo da AI sobre a calidade de banda larga pon a Movistar como líder en fixa e móbil

luns, 21 de outubro do 2024 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) compartiu con ós os datos recentes sobre o mercado tecnolóxico da Asociación de Internautas (AI), que vén de facer público o seu Estudo sobre a calidade da banda larga en España de 2024 e no que colabora novamente a organización galega. Desta volta, Movistar salienta como a mellor operadora tanto en banda larga fixa (BLF) como móbil (BLM), consolidándose como líder grazas á súa solvencia técnica e a unha excelente xestión de avarías.
Máis polo miúdo, Movistar lidera o ránking con 8,71 puntos en banda larga fixa e 7,80 puntos en banda larga móbil. O baixo índice de avarías en Internet (0,17%) e os tempos de reparación rápidos (46,4 horas) colocan á empresa moi por diante das súas competidoras. Estes datos amosan “a súa eficiencia en xestionar incidencias” e a “calidade dos seus servizos (estabilidade e velocidade)”.
No último posto atopamos a Vodafone, que ten a nota media máis baixa (6,05), e que pecha a listaxe en banda larga móbil con 5,38 puntos. O estudo confirma que Vodafone non só ten os peores resultados en caudais de descarga, senón tamén un tempo de reparación elevado e un alto volume de reclamacións (6,60), o que multiplica por máis de 14 as de Euskaltel, a operadora con menos reclamacións (0,46).
En canto a Euskaltel, que até o de agora presentaba ofertas asimétricas, conseguiu mellorar de maneira considerábel e agora figura entre os mellores en banda larga fixa, cunha puntuación de 8,07 puntos. Asemade, salienta como a operadora con menos reclamacións no mercado español.
No apartado de reclamacións de servizos converxentes, aqueles que inclúen Internet, a Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións e Servizos Dixitais (OAUT) sinala que Movistar é a segunda operadora con menos reclamacións, cunha taxa de 1,10 reclamacións por cada 1.000 usuarios e usuarias. Só Euskaltel, con 0,46, presenta mellores datos. Pola contra, Vodafone é o peor valorado neste apartado, como xa sinalamos.
En banda larga fixa, todas as operadoras superan o 95% do caudal de descarga comprometido, agás Vodafone (89%) e Digi (92%). En canto á velocidade de subida, tamén se observan boas marcas, con todas as operadoras por enriba do 95%, andándolle preto R (94,78%) e Digi (91%). En xeral, as velocidades en banda larga fixa non presentan grandes diferenzas.
Pola contra, a situación cambia no eido da banda larga móbil. Aquí, os caudais de descarga non chegan ao 40% do contratado en ningunha operadora. O estudo confirma que os peores rexistros pertencen ao grupo Másmovil e a Digi, con cifras por debaixo do 30%. No que respecta ao caudal de subida, Movistar salienta cun 66 e Másmovil acada un 69%. Vodafone e Orange superan o 45%, mentres que Digi, volta a ficar na última posición con só un 41%.
En resumo, o Estudo 2024 conclúe que, malia as melloras nas infraestruturas de banda larga en España, aínda existen grandes diferenzas entre as operadoras: Movistar, cunha xestión técnica eficiente e rápida resolución de avarías, sobresae como “o líder absoluto tanto en redes fixas como móbiles”, mentres que operadoras como Vodafone “seguen tendo desafíos significativos en termos de calidade de servizo e tempos de resposta ante incidencias”, confirma a UCGAL.
O estudo tamén tira como resultado a importancia de avanzar cara á plena conectividade de alta velocidade en todo o territorio, incluíndo municipios pequenos e zonas rurais. Tecnoloxías como a fibra óptica e o 5G son esenciais para garantir unha cohesión social e territorial efectiva. A Unión de Consumidores de Galicia fai un chamamento para reforzar a colaboración público-privada co fin de universalizar o acceso á conectividade, reducindo a fenda dixital e cumprindo os obxectivos do Plan España Dixital 2026.
Para rematar nesta análise reflíctese que alén das infraestruturas, é decisivo garantir que toda a poboación teña acceso aos dispositivos precisos e conte con formación tecnolóxica abonda para aproveitar ao máximo a dixitalización.