O estudo masivo de datos económicos centrou unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk do CITIC

mércores, 26 de febreiro do 2025 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) acolleu esta semana unha nova edición dos seus Almorzos TIC Talk, da man da investigadora Cheyenne Amoroso Sanmiguel. A economía e a relevancia do axuste estacional de datos para unha interpretación máis precisa e unha toma de decisións máis eficiente protagonizaron a xornada deste martes 25 de febreiro.
A presentación, titulada Time Series Through Change: Patterns, Trends and Adaptations, abordou os desafíos de traballar con series longas de datos nun período temporal longo que se viron afectadas por determinadas circunstancias económicas. A investigadora do CITIC fixo especial énfase en series macroeconómicas impactadas pola crise financeira do 2008.
Os Almorzos TIC Talk ofrecen unha oportunidade para descubrir os avances máis recentes en diversos campos do coñecemento, destacando a importancia da interdisciplinariedade e o potencial transformador das tecnoloxías da información e das comunicacións.