O festival Feito a Man estrea aplicación desenvolvida por Balidea

martes, 1 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

O festival compostelán Feito a Man presentouse este último día de xullo, facendo fincapé nun programa que se amplía polos catro costados, tanto en número de actuacións, como en diversidade artística (pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega), como en recantos da zona vella por abranguer. Serán, en termos concretos, case 80 espectáculos e outras tantas bandas/artistas a celebrar entre o día 3 e o 30 de agosto en diferentes recunchos da zona antiga de Santiago. O festival foi dado a coñecer no que será en boa medida o epicentro do mesmo, a praza de Feixoo. Contouse coa presenza do alcalde, Martiño Noriega; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e de Manu Rodríguez e Ánxeles Porto, por parte da organización. A parte musical correu a cargo de Espiño. Na cita fíxose saber que o certame estrea este ano aplicación desenvolvida por Balidea. Amais, fortalécese a vertente de Feito a Man no plano dixital, con presenza en catro redes sociais e a páxina web de seu.
Feito a Man, para quen non o saiba, chega este mes de agosto á súa décimo cuarta edición. Vén da man, unha vez máis, da Asociación Cultural Cidade Vella e conta coa colaboración do Concello.
Segundo se informou no dito acto, unha das grandes novidades deste ano é a celebración de dous concertos especiais na praza da Quintana. Serán as dúas actuacións de meirande envergadura, ámbalas de pagamento: o 20 de agosto, un concerto dos escoceses Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras; e o día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo Camiñar sen fin. Concerto para Narf, no que participarán a xeito de tributo ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas.
O programa complétase con bandas como Oh Ayatollah, Espiño, Som do Galpóm, Os d’Abaixo, Valentin Caamaño Trío, Trifasic, Zapa, Chocolate Band, Mojo Experience, Pablo Sanmamed Trio, Alô Django, Garcia Mc, The Neighbour, Banda das Crechas, Grüvzilla, Leira Catro, The Show Bass, Puma Pumku, Noe Black ou Tres Pesos. Alén disto, tamén haberá bandas internacionais como Quique Escamilla (Canadá/México), Kyekyeku (Ghana), Kamankola (Cuba), DJ Najle (Colombia), Cygne (USA), Kaela Rowan Band (Escocia), Haema (Portugal), Michelle Alany and the Mystics (USA), Scratchy Sounds (Inglaterra), Mongrel State (Irlanda) ou Luiz Caracol (Portugal).

Viño de seu, aplicación móbil e páxina web

Segundo se engadiu no acto, alén da programación, o festival este ano estrea viño propio (un ribeiro con uva treixadura que leva o nome do festival) e tamén unha aplicación móbil, tanto para trebellos con sistema Android como para dispositivos con iOS, que se pode descargar de forma gratuíta e que nos servirá para consultar o programa de maneira cómoda e inmediata e saber, ao momento, a onde temos que acudir para ver as nosas actuacións preferidas. Segundo lembra a organización, coa app de Feito da Man tamén teremos marxe de abondo para a personalización. Ou sexa, que baseándose nas nosas preferencias e intereses, propoñeranos actividades que non “deberemos deixar de visitar se queremos mellorar a nosa experiencia dentro do festival”.
Como valor engadido a aplicación, que foi desenvolvida pola firma compostelá Balidea (especializada no deseño e creación de todo tipo de ferramentas tecnolóxico-dixitais avanzadas), amósanos tamén lugares de interese aos que acudir dentro da cidade de Santiago de Compostela.
Para quen queira estar ao tanto da axenda de actuacións, do contido das mesmas e dos lugares elixidos para cada concerto, dicirlle que tamén está activa (amais da aplicación) páxina web do festival, festivalfeitoaman.gal. A vertente tecnolóxica complétase coas contas de Twitter, Facebook Instagram e YouTube.

PUBLICIDADE