O fiscal Carlos Varela aborda no ciclo Pensarmos como a IA afecta aos dereitos fundamentais

mércores, 24 de setembro do 2025 S. P.

A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves (25 de setembro, 18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos que leva por título Dereitos humanos: o impacto da intelixencia artificial. Nesta ocasión, o protagonista será o fiscal Carlos Varela García que intervirá en diálogo co avogado e analista político Xoán Antón Pérez Lema. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e emítese en directo desde a web institucional e a súa canle de YouTube.
Na súa intervención, Carlos Varela analizará a situación dos dereitos humanos fronte ao desenvolvemento da IA desde diferentes perspectivas. Abordará cuestións como a liberdade de expresión e os discursos de odio nas redes sociais, o uso de sistemas biométricos baseados en IA e a súa posible vulneración de dereitos fundamentais, os mecanismos para combater a desinformación, así como a relación entre Intelixencia Artificial e cambio climático.
Tamén reflexionará sobre o impacto desta tecnoloxía na policía predictiva e no sistema penal, dous ámbitos especialmente sensibles pola súa incidencia directa nas garantías individuais. Varela é licenciado en Dereito pola USC, ingresou na carreira fiscal en 1985. Desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional na Fiscalía de Vigo e, de 2004 a 2015, exerceu como fiscal superior de Galicia. Durante ese período impulsou actuacións de relevancia en ámbitos como a protección de menores, a loita contra a corrupción, a defensa dos dereitos das persoas consumidoras ou a persecución da trata de mulleres con fins de explotación sexual.
A súa intervención terá formato de diálogo con Xoán Antón Pérez Lema, avogado en exercicio desde 1990 e socio-director do despacho Pérez-Lema, Avogados e Consultores. Ademais da súa práctica profesional, desenvolveu unha destacada traxectoria docente e institucional, e actualmente é secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, ademais de colaborador habitual como analista político en diversos medios.
O ciclo Pensarmos
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes.