O fogar dos galegos – artigo do presidente da Xunta co gallo do Día de Galicia
venres, 24 de xullo do 2020
A experiencia do
confinamento confirma a necesidade que ten todo ser humano de gozar dunha vida
en común. Somos seres sociais que necesitan dos demais para sentir xuntos e
facer cousas xuntos. Vivir illados, aínda que o illamento estea plenamente
xustificado e asumido como sucedeu nos momentos críticos da pandemia, non forma
parte da nosa natureza. Todos necesitamos espazos comúns onde convivir e
compartir. Vivir confinados limítanos emocionalmente, e por iso vivimos con
intensidade o reencontro cos nosos, sexan familiares, veciños ou compatriotas.
O natural, en definitiva, é a convivencia.
Galicia é un
deses lugares de convivencia. Galicia é unha casa que se comparte, cuxa
construción inicial data de moito tempo atrás e que seguimos perfeccionando día
a día. É un fogar acolledor para os que viven nel, e un lugar atractivo para os
que viven fóra e se achegan a nós. Todos sentimos que o noso país está de moda
en moitas facetas, pero sobre todo nas fórmulas que ofrece para conciliar
aspectos que en ocasións se ven como antagónicos. Pensemos no cultivo do
propio, que algúns interpretan de maneira excluínte mentres que nós o facemos
sen hostilidade cara a ninguén. A identidade en clave galega non confina nin
illa, senón que é unha forma de participar como somos en unidades máis amplas.
Entendemos que aquilo que consideramos noso enriquece a España, Europa e o
mundo enteiro porque é un ingrediente orixinal que ningún outro pobo pode achegar.
O noso desexo non consiste en facer dos nosos trazos culturais e idiomáticos un
muro defensivo, senón unha canle máis de comunicación no gran concerto dos
pobos.
Pensemos tamén no
debate entre as tendencias globalizadoras e proteccionistas, no que Galicia
aporta a experiencia dun país inserido no mundo global sen por iso perder o que
é a súa esencia. Quen mellor soubo expresar esa prodixiosa facultade de estar
no mundo sen diluírse nel, e cultivar o propio sen estar de costas ao mundo,
foi o noso Álvaro Cunqueiro cun verbo fundamental saído da súa creatividade: anosar. Ao igual que el facía coas
lendas marabillosas doutras latitudes, a Galicia de hoxe fai súas todas as
tendencias enriquecedoras que xorden ao seu redor, galeguízaas para
incorporalas á nosa personalidade.
De aí o frecuente
asombro dos que nos visitan diante do harmónico contraste que se dá na nosa
terra entre o tradicional e o novo. En nós o tradicional semella novo e o novo
tradicional porque ademais de anosar,
como explicaba don Álvaro, tamén avosamos,
é dicir, aportamos o que é noso ás correntes globais. O noso pode ser
compartido con vós. Galicia nunca veu na contorna unha ameaza a evitar, senón unha
oportunidade para influír e recibir influencias que nos axuden a mellorar.
Pensemos, en fin,
no desacougo que produce nalgúns que as democracias non cheguen a ser o
suficientemente efectivas e resolutivas en situacións adversas como as que
estamos a sufrir a causa da pandemia. Galicia, unha democracia nova e madura,
demostra que a democracia non está rifada coa eficacia na adopción das medidas
necesarias. Todo o contrario. Esas medidas teñen unha eficacia maior debido a
que se aplican nunha comunidade informada e responsable que é copartícipe das
decisións.
Na Festa do Día
Nacional de Galicia celebramos que Galicia é un fogar fermoso pola súa paisaxe
física, pero sobre todo pola súa paisaxe humana. Os galegos fomos obsequiados
cunha terra fermosa que nós poboamos con valores suxestivos que non deixan de
medrar, grazas a un esforzo colectivo que se pon a proba na crise desatada pola
covid-19. Nestas e noutras circunstancias adversas do pasado, Galicia amosa
unha fortaleza descomunal que ten a súa orixe precisamente en ser un fogar, como anuncia o noso himno. Unha
nacionalidade histórica, un país, pero sobre todo un fogar grato que imos
ensanchando co paso do tempo e que ten as portas e fiestra abertas de par en
par. Un fogar no que nos coidan, como fan as mulleres e homes da nosa sanidade
que reciben este ano a Medalla de Galicia, e no que coidamos. Ningún galego é
alleo para outro galego nesta Galicia caseira na que queremos seguir vivindo.
Galicia volve,
dinos Benedicta na súa mensaxe. Volve igual e distinta, como un camiño feito de
pegadas de moitos camiñantes, como unha suma de forzas na que a desesperanza está
descartada. Dos nosos maiores aprendemos que en nós aniña unha capacidade de
loita capaz de superar reveses e infortunios. A mesma lección que cómpre
trasladar ás xeracións que collan o noso testemuño. Nestas décadas do século
XXI, Galicia é sinónimo de convivencia, liberdade, tradición e modernidade. Non
é unha mala bagaxe para seguir adiante. Feliz Día de Galicia.