O foro GaliciaTIC analizou o presente e o futuro do sector tecnolóxico galego

xoves, 19 de outubro do 2023 Redacción

GaliciaTIC celebrou hoxe a súa 21ª edición no edificio Cinc da Cidade da Cultura, con máis de 300 persoas acreditadas e unha Feira de Emprego na que participan 16 empresas tecnolóxicas na procura de talento entre os máis de 200 estudantes das universidades, de Formación Profesional e escola de negocios rexistrados.
O extenso programa de GaliciaTIC, que concentra nunha xornada relatorios, mesas temáticas, grupos de traballo, webinars e networking, arrincou cun debate inaugural moderado por Miguel Merino, director de GaliciaTIC. Neste acto participaron Miguel Rodríguez, director da área Sociedade Dixital da AMTEGA; Lourdes Guerra, presidenta de Ineo; Carlos Suárez, director de Edisa, e Fernando Vázquez, director xeral de Imatia. Os retos de futuro das tecnolóxicas, a situación do mercado laboral e a transición dixital foron os eixos tratados.
“A transformación dixital non ten fin, é un traballo constante e permanente que tivo e terá sucesivas fases. Ademais, inclúe moitísimos paradigmas, desde a intelixencia artificial ata a captación tecnolóxica”; reflexionou Rodríguez Quelle, director de Área Sociedade Dixital da AMTEGA, quen tamén lembrou os pasos dados pola Xunta para avanzar na especialización tecnolóxica da Comunidade como a posta en marcha dos nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas. Ademais, recordou que Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección de Galicia como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Carlos Suárez, director de Edisa, puxo o foco no mercado laboral tecnolóxico, sinalando que na actualidade a captación de talento é un ámbito moi competitivo e global. Ademais, apuntou a importancia de que as administracións lexislen para fomentar a transformación. “Non chega con subvencións, debe lexislar para encamiñar cada paso da dixitalización. A Administración é un motor enorme para a dixitalización”, concluíu.
Pola súa banda, Fernando Vázquez, director xeral de Imatia, puxo o foco nos retos que ten por diante o sistema educativo formal, así como a evolución demográfica, dous elementos a ter moi en conta á hora de fomentar a formación desde as empresas para incrementar a capacitación dos seus persoais.
Finalmente, a presidenta de Ineo, Lourdes Guerra, reflexionou sobre dúas cuestións: a necesidade de adaptación das empresas, que deben ser conscientes da evolución tecnolóxica e prepararse constantemente para o que está por vir, e a unha inminente incorporación masiva da muller ás TIC que revolucionará o sector, así como a súa competitividade e as súas liñas de traballo

Presente e futuro da IA e outras actividades

A conferencia inaugural deste 21º GaliciaTIC correu a cargo de Francisco Dos Santos, executivo da consultora internacional Gartner. Na súa intervención. Dos Santos explicou que ferramentas punteiras de intelixencia artificial xenerativa como ChatGPT só son unha peza máis do “gran quebracabezas” que significa esta tecnoloxía que terá no futuro inmediato impactos revolucionarios en todo tipo de organizacións, empresas e institucións.
A actividade da xornada completouse coa exposición pública dos grupos de traballo que GaliciaTIC convocou nas últimas semanas para abordar, desde tres grandes áreas temáticas, os retos do futuro inmediato do sector. Os ámbitos analizados son: a Intelixencia artificial (panel encabezado pola presidenta de INEO, Lourdes Guerra Fornos); Internacionalización (grupo liderado polo director de márketing de Quobis, Iago Soto) e o emprendemento/StarUp (encabezado por Óscar de Miguel Bandín, da Asociación Startup Galicia).
No resto da mañá, sucedéronse mesas temáticas sobre cuestións como o impacto das TIC nos procesos loxísticos da industria ou os novos servizos que se derivan da 5G ou a novo paradigma que supón para as empresas a irrupción da intelixencia artificial no seu día a día.
Pola tarde, GaliciaTIC organizou dous webinar. O primeiro, ofrecido por Celia García, de Leyton, versou sobre os incentivos fiscais na innovación e no desenvolvemento TIC. O segundo centrouse no programa do Kit Dixital e os servizos que ofrece a Oficina Acelera Peme de Ineo para impulsar a transformación dixital.