O foro Un país coa súa lingua propón a creación dunha plataforma transmedia a prol do galego
martes, 27 de maio do 2025
Este martes 27 de maio celebrouse a xornada Comunicación, cultura e acción exterior, coordinada por Marta Veiza Izaguirre no marco do ciclo Un país coa súa lingua, foro participativo que dirixe Dolores Vilavedra, do Consello da Cultura Galega. Na sesión abordáronse exemplos de como o galego contribúe a prestixiar e incrementar a pegada de todo tipo de iniciativas empresariais. Así, a experiencia do RC Celta, en boca de André Taboada Alonso, ou a campaña A universidade de Vigo (UVigo), a proba! da man de Benigno Sánchez salientáronse como dous modelos que apostan por esta vía.
Na sesión puxéronse enriba da mesa outras medidas concretas como accións específicas para o desenvolvemento do galego nas ferramentas de Intelixencia Artificial, mudar o modelo de axudas a medios de comunicación para que se potencie o idioma e, no exterior, que os organismos que conten con persoal apoien as actividades das redes de voluntariados que fomentan a cultura galega.
Outra das propostas nas que se puxo o foco foi a creación dunha plataforma transmedia para a difusión e posta en valor da identidade galega. “Trataríase dun proxecto que combine redes sociais, contido audiovisual, música, humor e participación cidadá, cunha marca nova, recoñecible e atractiva, especialmente pensada para conectar coa mocidade e coa sociedade actual a través da cultura e da emoción” explicou André Taboada Alonso, responsable da comunicación dixital do RC Celta de Vigo. “O Real Club Celta de Vigo demostrou que comunicar en galego con impacto, modernidade e emoción é posible” apuntou André.
Na sesión tamén se abordaron outras medidas, como replicar experiencias de pequeno formato. Entre elas o festival Presumo de Galego, explicado pola súa promotora, Carlota Casal. Esta iniciativa que se desenvolve en Melide conecta concertos nun pub da vila co instituto e cumpre xa nove edicións.
Outras son as propostas promovidas por Carlos García Vieito quen contribuíu a que X e BlueSky estean en galego. Falou da Operación Albóndega, que logrou que Ikea puxera en galego a súa publicidade e, desde hai uns meses, tamén as instrucións de montaxe.
Sobre o videopodcast Exército Mekemeke, dixo que “non é só un programa de entretemento senón unha iniciativa para crear referentes en galego”.
Por último, Ana María Prieto Rodríguez falou da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, colectivo que mantén viva a cultura galega na capital catalá a través de actividades culturais e proxectos como a Biblioteca Sabela Labraña. “Ademais de ser unha biblioteca tradicional temos outros proxectos como un club de lectura; contacontos en galego e castelán chamado Casas e cousas; ou a iniciativa as letras galegas vivas que este ano recaeu en Margarita Ledo, entre outros” apuntou Ana.
No diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando, Senén Barro abordou o Proxecto Nós, iniciativa punteira promovida pola Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento de ferramentas de IA para o galego. “Temos que estar nas máquinas” apuntou na sesión.
Pola súa banda, Andrea Villa Feijoo, do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, explicou o modelo deste festival de referencia na creación audiovisual dixital en lingua galega.
Ana González Liste en representación da Asociación de Medios en Galego e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lembrou que “o modelo de axudas a medios de comunicación é pouco ou nada efectivo para potenciar o uso do galego”. Destacou que as porcentaxes que se piden de presenza do galego son baixas e non se chega a supervisar a incidencia real do idioma nos medios que non son totalmente en galego, que son os que reciben estas axudas na súa maioría. Indicou tamén que dende o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia “trasladouse esta cuestión en numerosas ocasións á Secretaría Xeral de Medios da Xunta, con propostas concretas tamén para que remate a discriminación aos medios 100% dixitais nestas axudas”.
Pola súa banda, Daniel Ugarte, en representación da comunidade galega en Bruxelas, achegou a visión da diáspora; e Alba Fernández Sanlés, a través de videoconferencia, representou a REGA UK, rede de galegas e galegos no Reino Unido. Comprometida coa defensa da cultura propia desde o exterior destacou que as redes e as actividades funcionan por traballo voluntario por iso “solicitamos que organismos que conten con persoal apoien as actividades da redes de voluntariados que fomentan a cultura galega”.
A sesión deste 27 de maio foi a cuarta parada do foro que arrancou en febreiro cunha mesa sobre a situación da lingua no ensino e na que se sinalaron medidas como unha iniciativa piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros).
Na segunda mesa propúxose a creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego, ou sexa, traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais.
Na terceira mesa apuntáronse propostas coma estratexias de benvida con programas de acollida transcultural, promover contidos específicos desde a CRTVG que faciliten a inmersión lingüística de maneira amena e lúdica, realizar estudos sociolingüísticos desde a perspectiva da emigración ou a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural.
A seguinte xornada do foro será o xoves 27 de xuño coa mesa Economía, deporte e turismo, moderada por Jakson R. Rodrigues Soares.
Vídeo da xornada
