O foro da lingua que organiza o CCG estudará como incrementar o galego nas plataformas
mércores, 15 de xaneiro do 2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) pon en marcha un foro participativo, baixo o epígrafe Un país coa súa lingua, a través do cal ofrecer medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego. O foro porá o foco en vertentes tecnolóxicas como as plataformas audiovisuais, onde é fundamental, sinalou o CCG, garantir a presenza do galego.
O programa foi debullado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta e coordinadora deste foro, Dolores Vilavedra; e o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, que explicaron que “esta iniciativa que aposta por un modelo áxil de seis mesas sectoriais, que busca resultados que poidan ser medíbeis a curto e medio prazo e que parte dos aspectos positivos do idioma que xa están a funcionar”. O proceso rematará en novembro coa presentación do documento final. Ademais, presentouse un novo informe que completa a diagnose sobre a situación do galego. O estudo asegura que en Galicia se evidencia “un patrón de perda interxeracional na competencia do idioma que é contrario ao que se observa no resto das comunidades autónomas con linguas cooficiais”.
O foro porá o foco nos ámbitos máis críticos para a lingua galega (educación e infancia e prestixio social). Farao con seis mesas temáticas que se desenvolven entre febreiro e xullo deseñadas para “garantir unha análise integral e transversal de todas as facetas que se deben atender nun proceso de normalización”.
O proceso ten unha fase pública que se desenvolve entre febreiro e xullo que arrinca o 27 de febreiro, coa primeira mesa Educación e socialización, moderada por Nel Vidal. Nela abordarase a educación e a transmisión interxeneracional; os recursos educativos dixitais e a familia; a mocidade e tamén a lingua vehicular no ensino.
Alba Nogueira modera a segunda mesa, nomeada Administración, xustiza e servizos públicos, que o 20 de marzo abordará a linga da administración, da xustiza e da formación do persoal público.
A terceira mesa, Sanidade, ciencia e servizos sociais, reflexionara o 23 de abril sobre a atención a colectivos vulnerábeis, servizos sociais, inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Está moderada por Iolanda Casal.
Marta Veiga coordina a mesa Comunicación, cultura e acción exterior, na que se abordarán os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais.
Na quinta mesa, Economía, turismo e deporte, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social.
Sociedade, crenzas e participación comunitaria é o título da última mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas coma as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.
Cada mesa estará composta por expertos e profesionais especializados nos seus respectivos eidos, seleccionados previamente para asegurar unha representación diversa. Estes espazos de traballo promoverán o intercambio de ideas e a identificación de propostas concretas para avanzar no uso social e institucional do galego.
Co resultado destas mesas elaborarase un documento que se presentará no mes de novembro e que responderá ás necesidades urxentes da lingua galega e sentando as bases para a súa revitalización.
Novos datos
Na rolda tamén se deu a coñecer novo informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada, que toma como fonte datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas (ECEPV) elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este novo estudo complementa a diagnose da situación actual feita polo IGE no outono e compara a situación do idioma co que acontece noutras cinco comunidades con lingua cooficial.
Segundo este estudo, Galicia sitúase como a comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de poboación competente no uso da súa lingua cooficial. “O 92,7% entende ben o galego, o 83,6% leo ben, o 83,1% fálao ben e o 73,3% escríbeo ben. Cataluña ocupa o segundo lugar, con altos niveis en comprensión (86,8%) e lectura (78,4%). Illas Baleares e Comunidade Valenciana presentan resultados intermedios, cun maior dominio na comprensión. O País Vasco ten competencias moderadas, especialmente baixas en escrita (40,9%), mentres Navarra rexistra as cifras máis reducidas, “debido á cooficialidade zonificada do éuscaro mesa comunidade” apunta o informe. Se analizamos os datos sobre a competencia lingüística en función da idade, o estudo revela que Galicia é a única comunidade con lingua propia onde as persoas novas “presentan niveis de competencia máis baixos, contrariamente ao observado no resto de comunidades analizadas onde as xeracións máis novas melloran os niveis de dominio da lingua propia”.
Esta situación repítese tamén no uso do idioma. O estudo revela que “en termos globais Galicia destaca polo uso da lingua propia, ao situarse por riba dos territorios analizados, lixeiramente por diante de Cataluña”. Máis se analizamos os datos en función da idade, “a tendencia en Galicia neste caso tamén é ao revés do resto de territorios. Se en xeral, o uso da lingua cooficial se incrementa entre a xente nova, en Galicia pasa xusto o contrario” afirma o informe.