O foro do Consello da Cultura Galega propón traducir ao galego o software de tramitación xudicial
venres, 21 de marzo do 2025
Traducir ao galego os programas informáticos de tramitación utilizados no ámbito xudicial así como os modelos de documentos máis frecuentes da administración. Son algunhas das medidas achegadas este 20 de marzo no marco da mesa Administración, a xustiza e os servizos públicos coordinada por Alba Nogueira e encadrada no proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo que puxo en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) para ofrecer medidas propositivas sobre a situación do galego.
“Insistimos na importancia de traballar con todas as portas abertas e implementar medidas coas ferramentas actuais para reverter a situación que xa está diagnosticada” insistiu Dolores Vilavedra, coordinadora este foro e vicepresidenta do CCG.
As sesións continúan o 23 de abril coa mesa Sanidade, ciencia e servizos sociais, moderada por Iolanda Casal.
Como dixemos, a creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego, é dicir, traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais son algunhas das medidas que se abordaron no transcurso da sesión. Unha proposta que pretende paliar unha situación que Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado da Sala Contencioso Administrativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, describiu na súa intervención: “Segundo unha consulta realizada ao CENDOJ (Centro de Documentación Judicial) nos últimos 5 anos o 96,21% das resolucións ditadas en Galicia están en castelán e só o 3,79% está en galego”. Villares considera que cómpre actuar contra unha “inercia histórica” que impide que se dean pasos en favor do galego. “O fallo está nas políticas públicas que desenvolven os que teñen que garantir a oficialidade lingüística” asegurou ao tempo que pediu “máis medios e que recursos como a aplicación Minerva permitan que a tramitación xurídica estea en galego”.
Na sesión propúxose tamén impulsar o uso do galego entre os profesionais da xustiza mediante cursos de formación e medidas de fomento que permitan garantir unha maior presenza da nosa lingua na tramitación e nas resolucións xudiciais. Outras das medidas que se abordaron no marco desta sesión foi o aumento do gasto público en normalización, un investimento que permita garantir accións efectivas de promoción do galego en todos os ámbitos. Tamén se abordou establecer criterios lingüísticos nos servizos contratados polas administracións, especialmente naqueles eidos que te que ver coa atención ao público, coa infancia, co lecer e cos servizos sociais (auga, lixo, comedores escolares, tempo libre, centros de día e maiores, entre outros).
Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, optou na súa intervención por “regular xuridicamente a planificación lingüística, que debería ter un fácil consenso político e xudicial”.
Pola súa parte, Cristina López Villar, vicereitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, recordou que “a universidade é un reflexo do que pasa na sociedade” e informou da posta en marcha dun plan interuniversitario para a promoción do galego.
Na sesión, á que asistiu o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, tamén participaron os avogados Xoaquín Monteagudo Romero, Hector López de Castro e Alberte Souto Souto; Anxos Sobriño Pérez, vogal da directiva da Coordinadora de traballadores de normalización lingüística (CTNL) e técnica superior lingüista na Audiencia Provincial de Pontevedra; ; Xermán Varela Castejón, maxistrado titular do xulgado de Pontevedra; e María de los Ángeles López Carballo, letrada da Administración de xustiza no xulgado de Lugo..
Vídeo da sesión