O foro dos novos empresarios do Gaiás incidirá nas revolucionarias tendencias da innovación

mércores, 19 de febreiro do 2020 Redacción

O vindeiro 12 de marzo, a Cidade da Cultura acollerá o Foro Empresarial AJE Galicia 2020, un encontro destinado a facer debate e escaparate do que que será, antes de que nos decatemos, o futuro da actividade empresarial. Poranse enriba da mesa novas tendencias de innovación e de investimento e métodos para mellorar a produtividade e a capacidade para chegar a novos mercados das nosas empresas.
O evento reunirá a empresarios e institucións de toda España, de todos os sectores. Está dirixido á mocidade emprendedora, sobre todo. Contará con relatores e relatoras como Emilio Duró, empresario e adestrador, ou a coruñesa Yaiza Canosa, directora executiva de GOI, a startup considerada como “o BlaBlaCar da paquetería”.
O Congreso AJE Galicia realízase en virtude dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Asociación de Empresarios Novos (AJE). A través deste acordo (asinado entre o presidente da asociación, Luciano Velo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez), ambas entidades programarán actividades formativas e de asesoramento que completen a oferta destinada ás empresas do Centro de Emprendemento do Gaiás así como dos afiliados de AJE Galicia.

PUBLICIDADE