O fundador de Blusens querélase contra o inspector da Facenda que levou á súa inhabilitación

xoves, 27 de xuño do 2019 Redacción

O ano pasado realizouse unha importante operación policial por mor das infraccións de dereitos de propiedade intelectual realizados a través do dispositivo WebTV de Blusens, que chamara a atención pola detención do fundador da compañía, José Ramón García, a quen a Audiencia Provincial da Coruña pretendía inhabilitar para exercer cargos de administrador ou apoderado en empresas durante 540 días (por unha fraude de IVE en carrusel), ao que García responde agora presentando unha querela no Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela contra o inspector da Facenda en Vigo, Asdrúbal Casares García, a cargo do departamento de grandes contribuíntes e que supostamente cobraba a través de intermediario para rebaixar sancións fiscais.
Casares García está acusado de delitos de branqueo, contra a administración pública, suborno e negociacións prohibidas a funcionarios públicos, e a propia Axencia Tributaria é a que emprendeu accións contra el. Non só o fundador de Blusens querelouse contra o investigado, senón que tamén fixeron o mesmo dende a empresa viguesa Redcom, que tamén tería sido coaccionada a realizar pagamentos en metálico para rebaixar as sancións contra a mesma.
Cómpre lembrar que a inhabilitación do fundador de Blusens remata en novembro, aínda que en todo este tempo non estivo parado, e emprendeu outros proxectos empresariais con socios a través do holding Visualiza Business.

PUBLICIDADE