O fundador de Instagramers participará no vindeiro Coruña Bloggers

luns, 20 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro día 19 de 19:30 a 21:00 horas terá lugar a edición número 13 de Coruña Bloggers, encontro de seareiros do mundo dos blogs, a tecnoloxía, a Internet e as redes sociais, que se celebra na sede coruñesa da Fundación Barrié os últimos mércores de cada mes cunha finalidade solidaria, xa que os asistentes, en vez de aboar cartos para poder acudir ao evento, achegan un mínimo de un quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, estando a piques de superar os 2.000 quilos recollidos durante esta serie de encontros.
Esta nova edición de Coruña Bloggers será bastante especial, xa que o seu primeiro relator non acudirá en persoa, senón que intervirá mediante streaming. Tratarase de Phil González, fundador da comunidade Instagramers e autor do libro Instagram, ¡mucho más que fotos!, que na súa intervención titulada Instagram cumpre 7 anos! dará conta do que supón o grande fenómeno social na Internet que supuxo esta plataforma inicialmente centrada na fotografía, e que actualmente é todo un motor de tendencias e novos xeitos de comunicar.
A segunda intervención da xornada correrá a cargo de Carolina Regueira, creadora do blog Llegando a Puerto, quen compartirá 5 consellos propios do mundo do xornalismo aplicados a blogs. Centrarase nas chaves para escribir correctamente e nos trucos para que non falte información esencial nas entradas dos blogs.
Tras a parte formal do evento, os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo, La Taberna de Rita, onde continuar cunha sesión de networking, na que tamén se sortearán varios agasallos achegados por Opirata.com e 5 contas de hospedaxe web de Andaina Servicios Informáticos.
Para acudir a Coruña Bloggers prégase inscribirse previamente a través de Eventbrite.

PUBLICIDADE