O fundador de Looar falará das posibilidades do NFC na Radio Galega

venres, 8 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

José Martínez Teira explicando as posibilidades do NFC a Sevi Martínez, encargado de conducir o programa Banda Ancha desta semana

O programa Banda Ancha da Radio Galega, galardoado recentemente cun Premio INNOVA-G, continúa co seu labor de difusión da tecnoloxía en Galicia, polo que este sábado a partires das 15:00 horas realizará un repaso da actualidade da semana, grazas á colaboración de Código Cero, aproveitando a ocasión para achegarnos a unha nova iniciativa empresarial, Looar (léase luar), da man do seu fundador, José Martínez Teira, quen explicará o seu proxecto emprendido ao abeiro de Yuzz (iniciativa da Fundación Banesto para promover ideas de base tecnolóxica que en Santiago opera dende o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) e que céntrase actualmente na explotación da tecnoloxía NFC, que ten un grande potencial na publicidade grazas á rápida emerxencia de smartphones que operan con este sistema de comunicacións sen fíos e pode integrarse tanto en móbiles como en distintos dispositivos (adhesivos, pulseiras, chaveiros, tarxetas identificativas...).

Os chips NFC poden integrarse en pulseiras, chaveiros, tarxetas... o que facilita moitos usos desta tecnoloxía para múltiples usos.

O espazo radiofónico desta semana convidou á presentadora de televisión Sonia López, que actualmente conduce o programa Luar da TVG xunto a Xosé Ramón Gayoso, a compartir os seus primeiros contactos co mundo da tecnoloxía e o uso actual que fai da mesma. E, como colofón do programa de tecnoloxía da Radio Galega, Pablo Grandío de Vandal.net comentará o que podería depararnos a vindeira xeración de consolas de videoxogos.

PUBLICIDADE