O fútbol e os monopatíns destacan entre as novas incorporacións ao Game Pass
mércores, 17 de xuño do 2026
Microsoft anunciou a segunda vaga de incorporacións a Xbox Game Pass para o remate de xuño e comezos de xullo, cun catálogo que suma tanto grandes franquías como varias estreas dispoñibles desde o primeiro día. Entre as novidades máis destacadas figuran EA Sports FC 26, Call of Duty: Vanguard e Tony Hawk’s Pro Skater 3 + 4.
A lista de incorporacións arrincou onte con Junkster, un xogo de plataformas e acción en tres dimensións centrado na construción. A aventura segue os pasos dun pequeno robot chamado UM-13, que debe reparar a súa nave e recuperar unha valiosa carga perdida nun perigoso planeta convertido nun enorme depósito de refugallos.
Hoxe chega Call of Duty: Vanguard para a nube, consola e PC. A entrega desenvolvida por Sledgehammer Games leva os xogadores a distintos escenarios da Segunda Guerra Mundial, incluíndo o Pacífico, Francia, Stalingrado e o norte de África, e inclúe campaña, multixogador e o modo Zombies desenvolvido por Treyarch.
Mañá será a quenda de EA Sports FC 26, que se incorpora a EA Play e estará dispoñible para os subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass. Ademais do acceso ao xogo, os membros recibirán recompensas adicionais para Football Ultimate Team e Clubs durante un período promocional que se prolongará ata mediados de xullo.
O 25 de xuño sumarase Abyssus, un shooter en primeira persoa con elementos roguelite ambientado nas ruínas submarinas dunha civilización desaparecida. O título aposta por partidas cooperativas de ata catro xogadores e por un amplo sistema de personalización de armas e habilidades.
A finais de mes, o 30 de xuño, debutará RV There Yet?, unha aventura cooperativa na que un grupo de amigos trata de regresar a casa tras unhas vacacións. A viaxe atravesa o val de Mabutts, unha rexión chea de perigos que obrigará aos xogadores a xestionar recursos e manter con vida aos integrantes da expedición.
Xa en xullo, o día 2 incorporarase Tony Hawk’s Pro Skater 3 + 4. Esta nova versión recupera dous dos títulos máis populares da saga de monopatín cun apartado gráfico renovado, máis personaxes xogables, novos parques e unha banda sonora ampliada.
A vaga de novidades completarase o 6 de xullo coa chegada de Winds of Arcana: Ruination, un metroidvania de acción en 2,5 dimensións centrado na exploración e na narrativa. O xogo segue a historia de Aryn nun mundo fragmentado no que deberá dominar a maxia, enfrontarse a numerosas ameazas e descubrir os segredos que marcarán o seu destino.
