O futuro CECIGA contará con laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade

luns, 10 de novembro do 2025 Redacción

A Xunta porá en marcha a principios de 2026 os laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade do futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA). A actividade inicial destes espazos, que se desenvolverá na Cidade da Cultura mentres avanza a construción do centro definitivo, centrarase na prestación de servizos avanzados en ciberseguridade, no apoio ao cumprimento normativo, na realización de probas de produtos e servizos, no impulso á creación de solucións innovadoras e na formación especializada.
Así o adiantaron responsables da AMTEGA durante o V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, onde explicaron que a Xunta contará cun laboratorio con dous espazos diferenciados. O primeiro será un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade destinado a produtos con elementos dixitais, cunha carteira de servizos específica, e o segundo, un laboratorio e centro demostrador especializado en ciberseguridade industrial, tamén con servizos propios.

Rede de laboratorios

Ademais, estes centros coordinarán a rede galega de laboratorios en ciberseguridade aplicada ao transporte intelixente e ao espazo aéreo de vehículos non tripulados. Nesta rede participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo (UVigo), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).
O traballo conxunto desta rede permitirá situar Galicia á vangarda en ámbitos como a seguridade aérea de vehículos non tripulados ou a fiabilidade e protección dos vehículos autónomos terrestres e das comunicacións 5G e 6G.
O ITG será o encargado de deseñar e fabricar un laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade no espazo aéreo de vehículos non tripulados (UAS) e de desenvolver software para a detección de ciberameazas, caracterización e simulación de riscos neste ámbito.
Pola súa banda, a Universidade de Vigo e o CTAG crearán un laboratorio demostrador conxunto arredor das tecnoloxías do Shuttle conectado (vehículo lanzadeira eléctrico e autónomo) para realizar simulacións e análises de ameazas de ciberseguridade nas comunicacións entre vehículos e infraestruturas.
Gradiant impulsará a creación dun laboratorio especializado na validación de compoñentes dunha rede 5G e na avaliación dos riscos de ciberseguridade asociados a aplicacións e servizos no ámbito do transporte intelixente, ademais de poñer en marcha un laboratorio de ciberseguridade industrial.

Centro transrexional

Esta rede de laboratorios intégrase no proxecto dun centro transrexional de innovación e competencia en ciberseguridade no que, xunto con Galicia, participan Cataluña e a Comunidade Valenciana. A iniciativa enmárcase no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH), cun orzamento total de 58 millóns de euros, dos que preto de 19 millóns corresponden a Galicia. O financiamento procede nun 75% do programa RETECH e o 25% restante é achegado polas comunidades autónomas participantes.
RETECH é unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial desde agosto de 2022, a través dunha convocatoria pública, e aprobada en decembro dese mesmo ano. O programa conta con fondos europeos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.