O futuro da prensa debateuse na Coruña

venres, 20 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Este xoves celebráronse na Coruña as V Xornadas sobre a Prensa e Novas Tecnoloxías organizadas pola Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE), que contaron coa presenza de representantes de moitos dos grupos de comunicación do Estado, e que serviu coma espazo de reflexión sobre o futuro da prensa tanto no papel como na Internet.
Os distintos poñentes coincidían en que o mercado norteamericano da prensa escrita estaba a vivir unha crise de vendas moi importante que podería contaxiarse a Europa, o que debería compensarse mediante a capitalización das edicións en liña que cada día teñen mellor aceptación polo público, destacando o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, que aínda que se tenda a dicir que a prensa está en crise, o certo é que a comunicación nunca estivo mellor.
Lembremos que no actual panorama de desaceleración económica, os medios tradicionais están a ver cómo reducen os seus ingresos publicitarios, pero na Internet estas achegas económicas non deixan de medrar, e a Asociación Mundial de Xornais (WAN) estima que nos vindeiros 5 anos de duplicarán os ingresos por tal canle chegando a supor o 12% da publicidade total dos periódicos en 2011.
Para avanzar neste eido a prensa tamén ten un conflito que se está a solucionar de xeitos moi diversos, que é a integración das redaccións tradicionais e dixitais. Un medios están a apostar por unha fusión absoluta, mentres que outros traballar pola colaboración entre os distintos equipos, coincidindo todos que é un reto importante, que en boa medida se ten que solucionar con formación e investimento, posto que escribir para unha edición impresa non é o mesmo que para a web (como ben destacou Roberto de Celis, director de Internet de ABC-Vocento, quen tamén destacou a tendencia de levar a televisión á web).

Oportunidades tecnolóxicas

Pero as xornadas non só contaron con relatorios de expertos de dentro dos medios, senón que tamén se viron algunhas visións alleas, como a do profesor de Xornalismo en liña da City University London, Chris Brauer, quen falou das novas tendencias, e do éxito que teñen na web certos contidos anecdóticos e case irrelevantes, que parecen atraer a máis público, e que deberían chamar á reflexión para atopar novos xeitos de dar peso á información en profundidade, para que o xornalismo en liña non se converta na exaltación do superficial.
Tamén considera que a importancia que se lle estaba a dar aos vídeos na web foi esaxerada, e que agora hai que buscar o tipo de vídeo máis axeitado ao medio.
Icaro Moyano, responsable de comunicación de Tuenti, tamén ilustrou aos asistentes sobre o poder das redes sociais e a súa capacidade de fidelización, aínda que entre a audiencia reinaba a incredulidade por non considerar viable o modelo de negocio deste tipo de plataformas que, pese a ter moitos usuarios e xerar millóns de impresións, aínda non se sabe se serán rendibles no futuro.

PUBLICIDADE