O futuro dos contidos audiovisuais interactivos, desvelado en Compostela

luns, 13 de xullo do 2009 Raquel Noya

O foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais (NovoMed 09), que achegou á capital galega a expertos e responsbles dos programas máis innovadores en materia audiovisual chegados dende tódolos recunchos do país, rematou o pasado venres deixando un bo sabor de boca nos asistentes.
As xornadas, que foron organizadas por AGAPI (a Asociación Galega de Produtoras Independentes), desenvolvéronse con éxito na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e nelas, os directivos de contidos de empresas coma Interacción, Bren Entertainment, Continental Games, Televisión de Galicia, YouTube, Fox Channels, Vértice 360º, Enxebre Entertainment, Antena 3, Orange, Vodka Capital e TV3, entre outras, e institucións coma a Impulsa TDT, a Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e o Instituto de Crédito Oficial (ICO) intentaron adiantar a evolución do sector audiovisual perante cambios tan importantes coma a televisión dixital ou o novo marco legal.
O programa, que se centrou principalmente en cinco aspectos: a televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual, permitiu que os máis de sesenta asistentes pudieran consultar as súas dúbidas ao respecto cos responsables das devanditas firmas.
Na última xornada, a do venres 10 de xullo, celebráronse dúas mesas sobre a animación dixital e os videoxogos e sobre o negocio audiovisual. Na primeira das conversas analizouse a importancia da animación dixital dentro do sector do audiovisual galego e a relación entre o cine e os videoxogos. As xornadas remataron cunha mesa sobre negocios audiovisuais na que houbo representantes das diferentes liñas de financiamento coas que conta o audiovisual.

Interacción contribúe a definir o futuro do sector dos videoxogos
A xerente de Interacción, a axencia galega interactiva que máis galardóns leva recollido nos últimos meses, participou no NovoMed 09, contribuíndo co seu relatorio a definir o futuro dos contidos audiovisuais interactivos.
Beatriz Legerén, centrou a súa intervención no sector dos videoxogos, comezando cun breve percorrido pola historia do sector para presentar, a continuación, os principais xéneros que actualmente conviven no mercado, e concluír identificando os principais trazos que definen ao sector como unha industria cultural de gran potencial.
Interacción, afirmou Legerén, “está a traballar con marcas líderes nos seus mercados que buscan aproveitar as oportunidades dos novos medios para chegar mellor a seu público obxectivo, e” engadiu, “a carteira de clientes de Interacción inclúe ás empresas e institucións máis destacadas de Galicia, así como empresas doutras zonas de España e do estranxeiro”.
Asemade, “Interacción conta con máis de 10 anos de experiencia no desenvolvemento de videoxogos”, afirmou, “e dende a creación do Templo, a primeira aventura gráfica celta en 3D, a compañía ten deseñado e desenvolto máis de 10 títulos para todo tipo de plataformas: PC, consolas, internet, teléfonos móbiles…”.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Alberto Neira, Vincent Sourdeau, e Beatriz Legerén.

PUBLICIDADE