O galego Javier Franco, recoñecido pola CRUE polo seu labor a prol das TIC

luns, 24 de novembro do 2014 Redacción

Javier Franco Tubío, director da Área TIC da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2002 e 2010, vén de ver recoñecidas pola entidade académica CRUE as súas importantes achegas durante a devandita etapa na USC. A distinción insírese na primeira convocatoria dos galardóns que pon en marcha a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) para visualizar os esforzos en materia tecnolóxica (divulgación, normalización, afianzamento, alfabetización, etc). Estamos a falar dos premios CRUE-TIC.
Segundo informa a Universidade de Santiago, a CRUE instaurou estes recoñecementos co obxectivo de salientar a dedicación de entidades colaboradoras e a traxectoria profesional dos membros asociados á súa rede. Deste xeito, a primeira edición sáldase cun premio para RedIris (na modalidade de entidades colaboradoras) e para Javier Franco, que foi o primeiro secretario executivo da Comisión Sectorial CRUE-TIC. Segundo engade a Universidade de Santiago, na etapa en que Franco estivo á fronte do departamento TIC da USC, “consolidouse a transformación nun proxecto integral desa área, integrando por primeira vez a responsabilidade de todos os servizos relacionados, e leváronse adiante dous plans estratéxicos de TIC para a institución (2004-2007 e 2007-2010)”. Ademais, engade, “afianzouse a presenza da USC na coordinación de proxectos no eido estatal a través de CRUE-TIC e no europeo a través de EUNIS, participando activamente noutras institucións de referencia universitarias como RedIRIS, precisamente a premiada este ano na categoría institucional”. Lembrar que Franco é enxeñeiro superior de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi enxeñeiro do Ano en Galicia no ano 2000 e director xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Xunta de Galicia, así como vicepresidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG).

PUBLICIDADE