O galego José Garay impulsa a web que monetiza os resultados electorais de EE UU: Guesser.com

xoves, 22 de outubro do 2020 S. P.

A que sería a primeira plataforma internacional centrada no ámbito da análise e a predición política, a plataforma Guesser, ten na súa orixe un importante compoñente da nosa terra. O servizo, que salienta estes días por empregar algoritmos para achegar as probabilidades que os candidatos ás eleccións predicións de Estados Unidos teñen de gañar, foi creada polo galego José Garay, quen á fronte da súa experiencia coa startup Guesser xa conseguiu importantes froitos, como o feito de ter logrado, co seu traballo de cobertura nas eleccións de EEUU, a adhesión de Michael Cohen, ex avogado e ex voceiro do presidente Donald Trump durante máis de dúas décadas.
Ademais, a startup, envorcada neste ambiente pre-electoral en mostrar os prezos de cada candidato e partido nos principais mercados de apostas (á vez que constrúe un modelo de predición propio para vender a diversas entidades) conseguiu a primeira entrevista en exclusiva de Cohen en Europa, na que dá a súa opinión sobre que esperar das eleccións, as secuelas da COVID-19 e o ambiente de protestas civís que prepara o presidente en caso de non ser reelixido.
Segundo nos conta o galego José Garay, Guesser é a primeira startup tecnolóxica no mundo que “se dedica a monetizar o impacto duns resultados políticos”, mostrando as ligazóns entre economía e política e contribuíndo a converter os resultados electorais “nun activo líquido máis como poden ser as accións, os bonos ou as criptomoedas”.
Os produtos da empresa inclúen Guesser.com, unha web de acceso global onde investidores e apostantes poden atopar os últimos prezos establecidos nos mercados políticos, así como datos de enquisas e análises dos expertos. Para casas de apostas e outras entidades financeiras, como os fondos de investimento, Guesser tamén desenvolve un servizo privado que inclúe un modelo de predición propio, cotas actualizadas e resultados en directo o día das eleccións, de maneira que “estes poidan trasladar esta información aos seus mercados e sacarlle o maior rédito posíbel”, explica o impulsor da startup, engadindo que “a nosa intención é construír o futuro dos mercados de apostas políticas” e que “na intersección entre a política e as finanzas hai un enorme potencial sen monetizarse a día de hoxe, como demostra o feito de que o día posterior ao anuncio do Brexit, a libra chegase a caer un 10% nunha mañá”.
Respecto ao modelo de predición que a empresa constrúe xunto con provedores de datos específicos de cada país, este agrega información sobre diferentes parámetros que afectan á política dunha determinada área xeográfica. Sobre estes datos, Guesser constrúe o seu modelo de probabilidade de seu, é dicir, unha serie de algoritmos que permiten modelar a información e repetir simulacións dos resultados dunhas eleccións millóns de veces, de onde se extraen as probabilidades de gañar de cada partido ou candidato.
A startup traballa a día de hoxe para as eleccións de Estados Unidos, o vindeiro 3 de novembro, e xa conta con algunha gran casa de apostas británica (William Hill ou Betfred) como partner, así como con dúas grandes entidades financeiras como clientes no mesmo país. De entre os moitos datos xerados que está a xerar a plataforma, unha das grandes conclusións refírese directamente ao resultado do proceso: Donald Trump ten poucas probabilidades de ser reelixido, segundo Guesser.

PUBLICIDADE