O galego está practicamente desaparecido nas reproducións musicais dos adolescentes galegos
mércores, 1 de decembro do 2021
Os
profesores de ensino público Manolo Maseda e Martiño Ramos
compartiron con nós os datos dunha investigación feita ao abeiro do
proxecto colaborativo Ao Son da
Nosa Música, cuxo obxectivo é impulsar a música en galego
entre a mocidade de xeito innovador e participativo, fomentando a
dinamización lingüística, social e cultural. O proxecto leva
parella unha análise (na que colaboraron un milleiro de alumnas e
alumnos de entre quinto de primaria e segundo de bacharelato) para
coñecer os referentes musicais do noso alumnado. Segundo indican,
neste estudo previo “resulta moi alarmante o descoñecemento que as
novas xeracións teñen da música galega”.
De
feito, o informe deixa claro que a nosa lingua está practicamente
desaparecida nas escolmas de cancións que elabora a adolescencia a
través dos seus servizos de streaming. Das canles preferidas,
destacan, nesta orde, Youtube, Spotify, TikTok e, por último, a
radio.
A
análise, nun plano máis específico, revela que o 80% confesa que
nunca -ou case nunca- escoita música en galego, que máis do 50%
nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida
e que un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou
grupo que cante en galego.
A
enquisa revela tamén a ausencia da música en galego nas propias
aulas de música, cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un
27% nunca.
Por
artistas, Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as
solistas e bandas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos
estilos: o pop, o reggaetón e o rap son os xéneros
preferidos polos adolescentes, cun 64%, 53% e 44% respectivamente.
En
relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou
música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en
castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que
mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se
empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis
empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a
radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir
dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical,
seguida de preto do grupo de amizades.
No
mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os
resultados definitivos da investigación e partillará as propostas
de mellora que considera oportunas para reverter esta situación
conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas.