O gran encontro de firmas biotech que organiza Bioga estreouse con éxito en formato virtual

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

Unha vez máis, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) vén de adaptar a exitosa e estendida fórmula das citas rápidas (as speed dating, destinadas decote a establecer parellas en eventos para a procura de medias laranxas e amizades) para o desenvolvemento dos encontros BioSpeed Dating, que van pola súa oitava edición e que contan co respaldo da Axencia Galega de Innovación, GAIN. A sesión de citas tecnolóxico-empresariais xuntaron este xoves 18 de xuño unhas sesenta firmas biotech de Galicia, Asturias, Madrid, Valencia, Euskadi, Andalucía, Portugal, Reino Unido e México. Ao seu abeiro organizáronse citas rápidas virtuais para atopar “medias laranxas” coas que compartir oportunidades de negocio.
Segundo informa o Clúster, o éxito da experiencia está demostrado: “En torno ao 25% dos contactos xerados nos BioSpeed Dating frutifican nalgún tipo de alianza entre empresas ou en acordos entre cliente e provedor”.
Virtual por vez primeira
Por primeira vez no seu oito anos de vida, o BioSpeed Dating 2020 acudiu ao mundo online por mor da pandemia da COVID-19. Neste senso, Bioga recoñece ter posto “todos os medios” para que o mundo virtual fose o aliado perfecto e favorecer que as empresas biotecnolóxicas galegas e doutros puntos da xeografía atopasen o seu partner. “Debemos tomar a situación que estamos a vivir como unha nova oportunidade; non podemos deixarnos levar pola incerteza; o impacto da pandemia sobre a poboación permite reinventarnos”, aseguran desde Bioga, salientando que “vía online as empresas biotecnolóxicas tamén poden coñecerse, presentarse e en poucos minutos tratar saberse se poden ser aliadas nalgunha iniciativa profesional”. Loli Pereiro, xerente de Bioga, destaca que “agora máis que nunca necesitamos seguir fomentando as relacións profesionais e a xeración de contactos que xeren un alto valor engadido”.
Un balance de éxito
Os datos avalan o éxito da convocatoria destas citas entre empresas biotech. En 2013 acudiron 10 empresas. En 2018 asistiron 40 firmas. En 2019 déronse cita medio centenar de compañías. E en 2020, malia as circunstancias que marca a COVID-19, son máis de sesenta sociedades empresariais. Nos anos de existencia dos BioSpeed Dating pasaron máis de 200 empresas pequenas, medianas e grandes do mundo biotecnolóXico, da alimentación, da investigación, firmas TIC e outras vencelladas ao sector da saúde. As reunións previstas one to one pasaron de 25 en 2013 a máis das 200 previstas para este xoves 18. Nos oito anos de vida do BioSpeed Dating contabilizáronse 1.000 citas rápidas.

PUBLICIDADE