O grupo Euskaltel distribuirá dividendos entre os seus accionistas o vindeiro día 5

luns, 26 de xuño do 2017 Redacción

Alberto García Erauzkin e Francisco Arteche, presidente e conselleiro delegado de Euskaltel

O Consello de Administración do grupo Euskaltel acordou na súa reunión posterior á celebración da Xunta Xeral de Accionistas celebrada esta mañá, fixar o día 5 de xullo de 2017 como data de pagamento do dividendo complementario, con cargo aos resultados do exercicio de 2016, de 21 céntimos de euro brutos por cada acción.
Cómpre lembrar que o Consello de Administración de Euskaltel aprobou en outubro a distribución entre os accionistas da Compañía dun dividendo a conta dos resultados do exercicio 2016 de 15 céntimos de euro brutos por acción, o que significa un volume de 22,7 millóns de euros, que se fixo efectivo o pasado 1 de febreiro de 2017.
Posteriormente, e en consecuencia co anterior, o Consello de Administración acordou someter á Xunta Xeral de Accionistas a aprobación dun dividendo complementario de 21 céntimos de euro por acción, por un volume de 31,8 millóns de euros, cuxo pago sería efectivo na data que determinase o Consello de Administración a celebrar inmediatamente despois da Xunta Xeral, que quedou fixado para o vindeiro 5 de xullo.
Isto supón que o importe total do primeiro dividendo distribuído por Euskaltel ascende a 54,6 millóns de euros, e supón unha rendibilidade sobre a acción superior ao 4%.
Durante o seu discurso ante a Xunta Xeral de Accionistas, o presidente do Grupo Euskaltel, Alberto García Erauzkin, destacou que «iniciamos un camiño de retribución ao accionista con vocación de continuidade, coa distribución do primeiro dividendo, o ano inmediatamente seguinte ao comezo do noso traxecto como empresa cotizada».
Pola súa banda, o conselleiro delegado do Grupo, Francisco Arteche, pechou o seu discurso cunha mensaxe de confianza sobre o futuro do Grupo e ratificou as previsións de crecemento da sociedade: «Quero confirmar que mantemos a nosa previsión e obxectivo para o ano, que implica consolidar o crecemento tanto da marxe de EBITDA como do fluxo de caixa, o que nos permitirá manter a nosa política de remuneración ao accionista de forma sostida e crecente».

PUBLICIDADE