O grupo galego Nunegal adquire S2 Informática, referente en servizos tecnolóxicos para o mar
luns, 29 de xuño do 2026
Continuando co seu proceso de crecemento, o grupo tecnolóxico galego Nunegal confirmou a adquisición do cen por cen da carballesa S2 Informática, consolidando a súa posta pola área marítimo-tecnolóxica coa incorporación do talento e a experiencia dunha empresa que é un referente no soporte técnico, en mantemento de sistemas informáticos para empresas e o desenvolvemento de solucións dixitais a medida.
Nunegal salienta, máis en detalle, que S2 Informática é unha empresa con máis de dúas décadas de andaina, con sede en Carballo, que centra a súa oferta de produtos e servizos principalmente no sector do mar e na súa transformación e dixitalización.
Con esta adquisición, Grupo Nunegal pasa a ter un equipo de máis de 400 persoas, con oficinas na Coruña, Barcelona, Bilbao Vigo, incorporando á súa estrutura una firma coa que amplía e reforza a súa carteira de servizos TIC para os sectores retallista, do mar e do lecer.
Para Juan Sanjuan (director executivo de Nunegal), “con esta adquisición fortalecemos a nosa posición no sector TIC para a área do mar, xa son máis de 150 clientes os que confían nas nosas solucións”.
Pola súa banda, Alberto Pallas, director de S2, salienta que “esta integración permítenos garantir a continuidade dos procesos dos nosos actuais clientes, achegando acceso a produtos e tecnoloxías que ampliarán as súas capacidades de negocio”.
Engade Sanjuan que con esta integración Nunegal confírmase como firma referente en solucións tecnolóxicas para as lonxas galegas e españolas, dende Fisterra, Celeiro e Ribeira ata El Puerto de Santa María ou Pasaia, sendo xa máis de 80 lonxas que confían xa nas empresas do grupo.
