O hipersector TIC galego dá emprego a 21.255 persoas

luns, 20 de marzo do 2017 Redacción

O panorama galego TIC segue a ser fonte de boas novas. Se hai uns días reflectíamos un informe de Telefónica no que se daba conta do medre do uso de Internet en boa parte dos eidos sociais e económicos, esta fin de semana o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA) vén de presentar unha nova investigación sobre o hipersector TIC galego na que se pon de manifesto o seu bo estado de saúde e a súa importancia para o tecido produtivo e laboral da nosa terra. Segundo se fai saber no estudo, o ámbito tecnolóxico-dixital galego concentra hoxe un total de 3.320 empresas e dá emprego a 21.255 persoas. Estas cifras sitúan a Galicia no quinto posto estatal a nivel de volume de empresas (se ben, todo hai que dicilo, o noso “forte” son as microempresas, a maior parte do total).
Polo que se refire ao medre deste hipersector, en 2015 rexistrou 122 novas firmas. Isto fornece unha taxa de crecemento de 3,4%. Ese ano, 2015, marcou un máximo na cifra de altas dende 2011.
Segundo se detalla na informe, o hipersector TIC está integrado nun 73,4% por empresas do sector tecnolóxico e nun 26,6% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais.
Respecto do emprego, o informe sinala que tamén houbo suba dende 2014, situándose a cifra, hoxe en día, nas/os 21.255 traballadoras e traballadores. O medre no emprego no último ano prodúcese tanto no subsector TIC (2,6%) como no de contidos (2,2%). O subsector TIC emprega ao 75,7% do total dos traballadores/as do hipersector.
Atendendo ao réxime de cotización dos traballadores o 81,8% cotizan no Réxime Xeral e un 18,2% desenvolveu o seu traballo baixo o Réxime Especial de Autónomos no ano 2016, un 3,7% menos que en 2015.
No que atinxe ao peso sobre o PIB galego, mantense ao redor do 2,2%, porcentaxe que se distribúe entre o 1,8% que representa o sector TIC e o 0,4% do sector Contidos.
As exportacións de bens do hipersector TIC en Galicia achegáronse no ano 2015 aos 73 millóns de euros, fronte aos 57 millóns de euros do ano 2014, o que representa un incremento do 26%.
Respecto da aposta pola Innovación e o Desenvolvemento, o investimento en I+D no 2015 por parte das empresas galegas ascendeu a máis de 496 millóns de euros. No informe sinálase que isto “representa o 3,8% do total estatal, incrementándose progresivamente nos últimos dous anos”. E engádese: “Galicia é a sétima Comunidade Autónoma que realiza un maior esforzo en gasto de I+D, que representa o 0,89% do seu PIB”.
Centrándose especificamente no Hipersector TIC, o investimento en I+D ascenderon a 41 millóns de euros no ano 2014, medrando un 13,1% respecto do ano 2013.

PUBLICIDADE