O hipersector TIC galego incrementa o valor das súas exportacións
luns, 4 de agosto do 2025
As exportacións do Hipersector TIC galego, que engloba o sector tecnolóxico e o de contidos, medraron un 13 % nun ano, ata alcanzar os 136 millóns de euros, fronte aos 120 millóns rexistrados en 2022. Este avance está impulsado, en boa medida, polo forte crecemento da fabricación de computadoras e equipos periféricos (+46,4 %) e dos produtos electrónicos de consumo (+40,1 %).
Así o recolle o informe Galicia Dixital. O Hipersector TIC en Galicia, elaborado polo OSIMGA, dependente da AMTEGA, que tamén destaca unha caída do 25,1 % nas importacións, tanto no sector TIC (-25,5 %) como no de contidos (-17,1 %). Como consecuencia, o déficit comercial reduciuse máis dun 85 %, ao pasar de case 77 millóns de euros en 2022 a só 11 millóns en 2023.
O estudo indica, ademais, que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector superou por primeira vez os 2.000 millóns de euros, cun incremento anual do 10,3 %. O sector TIC achega máis de 1.800 millóns (+9,5 %), mentres que o sector contidos experimenta un crecemento do 15,5 %, unha mellora notable respecto de anos anteriores.
No tocante ao número de empresas, Galicia conta con 4.098 entidades activas no Hipersector TIC, o que supón o 4,9 % do total estatal e o 1,7 % do tecido empresarial galego. Estes datos consolidan a posición da comunidade como a quinta no conxunto do Estado. En canto ao emprego, no ano 2024 acadáronse os 29.099 traballadores, cun aumento interanual do 1,9 %.
O emprego medra, sobre todo no sector TIC e entre as mulleres
O sector TIC lidera a creación de emprego, con 23.467 postos de traballo, un 2,3 % máis ca no ano anterior. Pola súa parte, o sector contidos mantense estable, cun lixeiro ascenso do 0,1 %, ata os 5.632 traballadores.
Un ano máis, destaca a achega do Hipersector á redución da fenda de xénero: o emprego feminino medrou un 2,5 %, por riba do incremento xeral, que foi do 1,9 %, consolidando unha tendencia positiva por cuarto ano consecutivo. As mulleres representan o 33,6 % do total de traballadores do sector, cunha presenza do 31,1 % no ámbito TIC e do 44 % no de contidos.
Distribución territorial: A Coruña, á cabeza do emprego TIC
A actividade do Hipersector concéntrase maioritariamente no eixe atlántico, coas provincias da Coruña e Pontevedra reunindo o 89,8 % do emprego total. A Coruña mantense como a provincia con maior peso, cun 62 % do emprego TIC, que supón un total de 14.412 traballadores e un crecemento do 5,4 % respecto de 2023.
No sector contidos, o emprego mantense practicamente sen variacións. Rexístrase un lixeiro aumento en Lugo e Pontevedra e unha leve caída na Coruña e Ourense. A provincia da Coruña concentra o 64,5 % do emprego no sector contidos e, xunto con Pontevedra, suma o 87,6 % dos postos de traballo neste ámbito.
