O iPad Air actualízase incorporando un procesador M4

luns, 2 de marzo do 2026 Redacción

Apple vén de presentar o novo iPad Air, agora equipado co chip M4 e cun aumento relevante de memoria, mantendo o mesmo prezo de partida de 649 euros para o modelo de 11 polgadas e de 849 euros para o modelo de 13 polgadas. Esta actualización supón un salto notable en rendemento, conectividade e capacidades de intelixencia artificial. As reservas abriranse o 4 de marzo e a dispoñibilidade en tendas comezará o 11 de marzo.
O novo iPad Air incorpora unha CPU de 8 núcleos e unha GPU de 9 núcleos, o que lle permite acadar un rendemento ata un 30 % superior respecto ao modelo con M3 e ata 2,3 veces máis rápido que a versión con M1. A isto súmase unha memoria unificada que medra un 50 %, ata os 12 GB, e un largo de banda de memoria que chega aos 120 GB/s. Estas melloras tradúcense nunha experiencia máis fluída en tarefas esixentes como a edición de vídeo en Final Cut Pro, a composición de imaxes en Pixelmator Pro ou o renderizado 3D con trazado de raios por aceleración de hardware, que pode ser máis de catro veces máis rápido ca no modelo con M1.
O Neural Engine de 16 núcleos é ata tres veces máis rápido que o do M1, o que facilita a execución de modelos de IA no propio dispositivo, tanto para tarefas académicas (como a transcrición de clases) como profesionais (elaboración de guións gráficos ou optimización de correos electrónicos). Apple subliña tamén a integración de funcionalidades avanzadas nas súas aplicacións creativas, incluíndo ferramentas como a eliminación automática de fondos en vídeo.
En canto a conectividade, o iPad Air estrea o chip N1, que engade compatibilidade con Wi-Fi 7, Bluetooth 6 e Thread. Nos modelos con conectividade móbil intégrase ademais o módem C1X de Apple que promete un rendemento de datos ata un 50 % superior e un consumo enerxético ata un 30 % inferior respecto á xeración anterior. Estes modelos son compatibles con redes 5G e permiten a xestión dixital de plans de datos mediante eSIM.

Vídeo promocional do novo iPad Air