O iPad Pro chegou ás tendas sen os seus accesorios estrela

venres, 13 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Onte chegou a numerosas tendas físicas o novo iPad Pro, tableta de Apple cunha pantalla de 12,9 polgadas, pero desta volta a compra está a ser moi pouco satisfactoria para moitos, xa que no só terán que padecer a falta de software adaptado ao novo dispositivo habitual nos primeiros meses de vida de equipos que incorporan importantes cambios, senón que a súa experiencia vai ser claramente incompleta, xa que non están aínda dispoñibles nin o teclado oficial de Apple nin o Apple Pencil, de xeito que boa parte dos interesados en facerse cun iPad Pro farían ben en agardar a que haxa unidades destes accesorios, que poderían tardar 4-5 semanas en estar dispoñibles se atendemos aos prazos de entrega que figura na páxina web de Apple.
Outro detalle que pode resultar molesto é que o Smart Keyboard para o iPad Pro polo momento só está dispoñible co teclado en inglés de EE.UU., o que o convertería nun produto pouco recomendable en España. Deste xeito, os interesados en mercar un teclado para o iPad Pro e non estean dispostos a agardar polo produto de Apple, teñen xa dispoñible a funda con teclado e Smart Connect de Logitech, a CREATE, que xa pode mercarse por 149,99 euros e está dispoñible con teclado español e tres cores diferentes.
Resulta un tanto sorprendente que Apple lance o iPad Pro cando só foron quen de producir suficientes Apple Pencil e Smart Keyboards para abastecer ás tendas de produtos de exposición e demostración, aínda que dende Apple apuntan a que as 4-5 semanas de espera polos accesorios non é un prazo concreto, e convidan aos interesados a visitar a súa páxina web con regularidade para comprobar se xa hai unidades dispoñibles destes accesorios.

Logitech ofrece unha alternativa ao Smart Keyboard de Apple

PUBLICIDADE