O iPad de 9,7 polgadas baixa de prezo e recibe compatibilidade co Apple Pencil

martes, 27 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Apple celebrou hoxe un evento en Chicago destinado a presentar novidades dirixidas ao sector da educación que como eixe tivo a renovación do iPad de 9,7 polgadas, que non só conta cunha pantalla Retina, chip A10 Fusion e sensores avanzados cun prezo bastante axustado para ser un produto da compañía de Cupertino, senón que tamén inclúe compatibilidade para o Apple Pencil, facendo así que sexa un produto válido para esbozar ideas, tomar apuntes rápidos ou facer anotacións en capturas de pantalla, gañando versatilidade para os estudantes.
Esta nova tableta parte dun prezo de 349 euros no seu modelo con 32 GB de almacenamento e conectividade Wi-Fi, mentres que con 128 GB custaría 439 euros e ambos modelo contan tamén con versión con conectividade móbil por 130 euros máis. A súa chegada aos compradores está prevista para a partires do 3 de abril.
Co Apple Pencil o usuario poderá tomar notas ou facer ilustracións en aplicacións como Notability, Pages, Numbers, Keynote ou Microsoft Office, aínda que de cara á educación son outras as aplicacións que preparou a compañía da mazá.
Temos así que con Everyone Can Create, un novo plan de estudos de balde para que os profesores poidan integrar de xeito doado e entretido o debuxo, a música, o vídeo e a fotografía no temario de cada materia; Tareas axudará aos profesores a asignar deberes e ver o progreso dos alumnos (na aplicación Aula); e tamén prevese a integración de moitas outras aplicacións ao ecosistema educativo grazas a ClassKit, un novo contorno de desenvolvemento para educación.
Apple tamén anunciou que os estudantes e os profesores poderán contar con 200 Gb de almacenamento de balde en iCloud.

Vídeo promocional do novo iPad

Produtos de Logitech para o sector educativo

Cómpre salientar que para un usuario ordinario a renovación do iPad de 9,7 polgadas pode percibirse simplemente como unha baixada de prezo, que no caso de estar interesado no Apple Pencil mitigaría a súa compra (pois falamos dun accesorio que custa 99 euros). Pensando precisamente en que o prezo do lapis dixitalizador de Apple é moi elevado, chegaron a un acordo con Logitech para comercializar para centros educativos o Logitech Crayon, un lapis cun deseño máis orientado ao seu uso por parte de estudantes, que custaría a metade que o lapis ordinario. Adicionalmente tamén comercializarían o Rugged Combo 2, accesorio que permite converter o iPad nun ordenador portátil reforzado, xa que esta funda con teclado tamén protexe de golpes, caídas e molladuras, contando tamén cun espazo para suxeitar o Crayon.

O Rugged Combo 2 transforma o iPad nunha especie de ordenador portátil resistente

PUBLICIDADE