O iPhone 17e dobra o almacenamento da xeración anterior

luns, 2 de marzo do 2026 Redacción

Apple presentou o novo iPhone 17e, o smartphone económico da familia iPhone 17, que aposta por reforzar o rendemento, a capacidade de almacenamento e a resistencia sen elevar o prezo de entrada. O dispositivo arrinca en 256 GB por 709 euros, o dobre de capacidade mínima que a xeración anterior polo mesmo prezo inicial. O modelo con 512 GB de almacenamento ten un prezo de 959 euros. O iPhone 17e estará dispoñible en negro, branco e rosa pau. As reservas comezarán o 4 de marzo e a chegada ás tendas está prevista para o 11 de marzo.
O terminal integra o chip A19 de última xeración, fabricado en tecnoloxía de 3 nanómetros, cunha CPU de seis núcleos que duplica a velocidade do iPhone 11 e mellora a eficiencia enerxética. Incorpora tamén o módem C1X, deseñado por Apple, que é ata o dobre de rápido que o C1 do iPhone 16e e consume un 30 % menos de enerxía que o módem do iPhone 16 Pro, contribuíndo a unha autonomía para todo o día.
A pantalla Super Retina XDR de 6,1 polgadas con tecnoloxía OLED acada picos de brillo de ata 1.200 nits e incorpora Ceramic Shield 2, cunha resistencia aos rabuñaduras que triplica a da xeración anterior e cun revestimento que reduce os reflexos. O conxunto complétase cun deseño en aluminio de calidade aeroespacial e certificación IP68 fronte á auga e ao po.
En fotografía, o iPhone 17e integra unha cámara Fusion de 48 megapíxeles con teleobxectivo x2 de calidade óptica, o que permite ofrecer dúas cámaras nun só módulo. O sistema permite capturar imaxes en 48 ou 24 megapíxeles e mellora o modo Retrato cun tratamento avanzado de imaxe e efecto desenfoque de fondo máis natural. O dispositivo grava vídeo en 4K ata 60 fotogramas por segundo con Dolby Vision e incorpora audio espacial, ademais de funcións de mestura de son e redución de ruído baseada en aprendizaxe automática.
O teléfono é compatible con MagSafe e Qi2, con carga sen fíos de ata 15 watts, e permite acadar o 50 % de batería en arredor de 30 minutos mediante carga rápida por USB-C. Apple subliña tamén as prestacións vía satélite, que inclúen Mensaxes, Buscar, asistencia en estrada e Emerxencia SOS en zonas sen cobertura móbil nin Wi-Fi, así como a función de detección de accidentes.
O iPhone 17e chega con iOS 26 e coas prestacións de Apple Intelligence, entre elas a tradución en tempo real en Mensaxes, FaceTime e Teléfono, filtros de chamadas de números descoñecidos e novas ferramentas de xestión de mensaxes.

Vídeo promocional do iPhone 17e