O iPhone XS podería custar 919 euros

xoves, 6 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A poucos días da presentación dos novos iPhone, e tras varias filtracións, chegan agora informacións sobre os prezos que poderían ter en Europa os novos trebellos de Apple, contrastadas por Macerkopf, e que semellan unha boa nova para os amantes dos produtos da mazá, xa que os 3 modelos de móbil que chegarían este ano manterían os mesmos prezos que os do ano pasado, pero cunha diferenza substancial: desta volta o modelo que terá dúas versións será o superior.
Deste xeito, ao igual que os iPhone 8, 8 Plus e X custaban 799, 909 e 1.149 euros respectivamente en Alemaña (809, 919 e 1.159 euros en España), o novo iPhone económico con pantalla LCD, o iPhone XS e o iPhone XS Plus terían eses mesmos prezos, de xeito que o sucesor do iPhone X xa non tería un prezo base superior aos 1.100 euros, senón que quedarían un pouco por enriba dos 900 euro, quedando por debaixo da barreira psicolóxica dos 1.000 euros.
Lembremos que o iPhone XS sería o sucesor do iPhone X, cunha pantalla de 5,8 polgadas, mentres que o modelo Plus tería unha pantalla de 6,5 polgadas. Cómpre salientar que os prezos de referencia corresponden a móbiles con 64 GB de almacenamento, habendo tamén versións superiores con 256 GB de capacidade, cantidades que non sorprendería que aumentasen, comentándose que podería incluso haber un iPhone XS Max con 512 GB de capacidade (en boa medida para poder enfrontarse co Samsung Galaxy Note9, que ten modelo con 512 GB de almacenamento ampliable con tarxetas de memoria de até outros 512 GB, converténdose no primeiro smartphone do mercado que pode equiparse con 1 TB de almacenamento).

PUBLICIDADE