O iPhone podería ter que aceptar tendas de aplicacións de terceiros nos EE.UU.

martes, 6 de maio do 2025 Redacción

A representante republicana Kat Cammack presentou hoxe no Congreso dos Estados Unidos a App Store Freedom Act, unha proposta lexislativa que pretende frear as prácticas anticompetitivas das plataformas dominantes no mercado das aplicacións móbiles. O texto establece novas obrigas para as grandes tendas de aplicacións (aquelas con máis de 100 millóns de usuarios nos EE.UU.), co obxectivo de aumentar a competencia e dar máis liberdade tanto a consumidores como a desenvolvedores.
Entre os puntos principais da lei figura a esixencia de permitir que os usuarios poidan instalar aplicacións ou tendas de terceiros, fixalas como opción predeterminada e eliminar ou agochar as aplicacións preinstaladas nos dispositivos, na liña do que xa acontece na Unión Europea. Tamén se obriga a garantir un acceso igualitario e sen custos ás interfaces e ferramentas de desenvolvemento para todas as empresas.
A iniciativa prohibe ademais que os operadores de tendas obriguen os desenvolvedores a usar o seu sistema de pagamento interno, que impoñan condicións de paridade de prezos ou que penalicen a distribución das aplicacións fóra da súa plataforma.
A proposta foi ben acollida por actores relevantes do sector. Desde Spotify, a súa directora de Asuntos Públicos, Dustee Jenkins, cualificou a lei como «un cambio fundamental» que «abrirá permanentemente a economía das aplicacións». Pola súa banda, a Coalition for App Fairness (CAF) celebrou a iniciativa como «un paso vital cara a un ecosistema xusto e competitivo».
A App Store Freedom Act inscríbese nun movemento máis amplo dentro do Congreso estadounidense para aumentar o control sobre as grandes tecnolóxicas e frear o que consideran abusos de posición dominante en distintos mercados dixitais.
Esta proposta lexislativa chega unha semana despois de que a xuíza Yvonne Gonzalez Rogers obrigase a Apple a deixar de cobrar comisións abusivas por compras fóra da súa plataforma e de pór atrancos á información sobre métodos de pagamento alternativos, que é precisamente a causa pola que hai un par de semanas a Comisión Europea sancionou a Apple cunha multa de 500 millóns de euros.