O iPhone soportará o estándar de mensaxería RCS en 2024

xoves, 16 de novembro do 2023 Marcus Fernández

No mes de setembro soubemos que polo momento a Comisión Europea consideraba que no que respecta ás aplicacións de mensaxería instantánea a Lei de Mercados Dixitais só afectaría a WhatsApp e ao Messenger de Facebook, librando a Apple de ter que facer a súa aplicación de Mensaxes interoperable, por considerar que tiña unha base de usuarios moi cativa en Europa.
Aínda que esta decisión non é firme e, de feito, Google está a insistir na necesidade de que Apple facilite a intercomunicación con móbiles doutras compañías coa súa aplicación de mensaxería. Dado que a Lei que regula isto non entrará en aplicación até marzo de 2024, aínda quedan semanas para que a Comisión Europea publique a súa decisión final, e semella que o último movemento da compañía da mazá vai encamiñado a convencer á Comisión para que sexa flexible con eles. Falamos do anuncio de que Apple engadirá soporte do estándar de comunicación RCS nos seus dispositivos ao longo de 2024. Deste xeito, un usuario de Android podería enviar texto, fotografía e vídeo a un usuario de iPhone a través da aplicación de mensaxería do seu dispositivo.
Cómpre salientar que en países como España esta medida resulta completamente irrelevante, xa que os usuarios de iPhone apenas empregan a aplicación de mensaxería nativa do seu móbil, e para comunicarse empregan de xeito xeral a mesma aplicación que os usuarios de Android: WhatsApp.
Apple leva moito tempo rexeitando adoptar o estándar RCS pese a insistencia de Google, pero o escenario actual (no que a compañía de Cupertino vai ter que facer grandes concesións para non recibir sancións por mor das súas prácticas contra a competencia) está a propiciar cambios que até hai pouco parecerían imposibles, como cando finalmente os iPhone incorporaron o porto USB-C.