O impacto da IA na creación, entre as liñas de acción do Consello da Cultura Galega para 2024

xoves, 26 de outubro do 2023 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) levou a cabo unha sesión plenaria no serán deste mércores na que aprobou a programación da institución para 2024. A relación entre cultura, patrimonio e turismo; a Intelixencia Artificial aplicada á creación; a memoria da transición; a proxección exterior, e internacionalización da cultura galega son as áreas prioritarias para o vindeiro ano. Ademais, a institución, que preside Rosario Álvarez, manterá as súas liñas de acción habitual, así como a asesoría e a avaliación do sector cultural, con informes e documentos de traballo. Na sesión tomou posesión Dolores Vilavedra, que substitúe a Elisa Fernández Rei como representante do ILG no Pleno.
Como dixemos, a análise do impacto na creación cultural da Intelixencia Artificial será un dos asuntos aos que atenderá o Consello da Cultura Galega en 2024. Esta vertente de traballo insírese no marco dunha liña titulada Novos formatos e novos mercados da cultura, na que prestará atención á revolución dixital na creación, formatos, difusión, acceso, desfrute e conservación.
Outra das liñas de acción denomínase Enerxías renovábeis, sostibilidade e patrimonio cultural e profundará no modelo de explotación do territorio e na súa relación co patrimonio cultural. Nese ámbito estase a traballar nun informe sobre a relación entre cultura, patrimonio e turismo, así como a xestión do concepto de patrimonio.

PUBLICIDADE