O impacto da IA na industria da moda, a debate este 7 de maio no Campus de Ferrol

luns, 4 de maio do 2026 S. P.

Unha das mesas redondas da cuarta edición de The Future of Fashion Talent, o 7 de maio de 2025, no Campus Industrial de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 7 de maio, a partires das 10.00 horas, a cuarta edición da xornada The Future of Fashion Talent que organiza o xornal líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e co apoio do Clúster Galego Téxtil Moda (COINTEGA) e máis do Concello de Ferrol.
O obxectivo desta cuarta edición, titulada Máis aló do ChatGPT – IA, Emprego e Moda, é o de analizar o impacto da Intelixencia Artificial (IA) na cadea de valor da industria da moda e na empregabilidade.
Máis polo miúdo, a xornada centrarase en estudar como esta inflúe nos departamentos de deseño, produción, sustentabilidade, xestión ou mesmo na toma de decisións. Do mesmo xeito, tamén se afondará no uso que se lle está a dar a esta ferramenta tecnolóxica nas principais empresas do sector en España.
O programa da xornada inclúe dúas mesas redondas, a primeira delas, titulada Hard, soft e outros skills nun momento de cambio, dará comezo ás 10.30 horas. Nela, participarán o director de Recursos Humanos de Tendam, Ramón Amorós, a Team Leader para Reino Unido e Irlanda en Luxetalent, Susana Duarte, o presidente do Clúster Gallego Téxtil Moda (COINTEGA), Javier Guerra, e a integrante do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) e coordinadora do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Belén Montero.
Ás 12:30 horas celebrarase a segunda das mesas redondas, E a creatividade para cando? IA, ecodeseño e novos paradigmas, na que intervirán a fundadora e creadora da marca de moda feminina The-Are, Rocío Botella, a conselleira delegada de Lady Pipa, Rocío Gómez, o co-fundador de Elpulpo, José Antonio Chacón, e a integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e directora da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.
A maiores, o programa da xornada inclúe dous relatorios. O primeiro deles, Da sustentabilidade á IA: que está a facer a moda, será impartido, ás 10.10 horas, pola fundadora de Modaes, Pilar Riaño. O segundo comezará ás 12.00 horas. A súa temática e protagonistas serán desvelados nos vindeiros días, segundo confirmaron dende o Campus de Ferrol, engadindo que The Future of Fashion Talent está dirixido a toda a comunidade universitaria, ao tecido empresarial da comarca e do resto de Galicia, así como ao público xeral interesado.
As persoas que queiran asistir de xeito presencial, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, ou en seguir o evento a través da home de Modaes terán que inscribirse, antes das 14:00 horas do mércores 6 de maio, na páxina web do evento.