O impacto da mitigación de Meltdown está a ser desigual

venres, 5 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Nalgunhas instancias de AWS EC2 o impacto dos parches aplicados esta semana foi máis que notable no consumo de recursos.

Inicialmente falouse de que a mitigación de Meltdown podería ocasionar un importante impacto no rendemento dos procesadores Intel, non parece que iso sexa certo no caso de equipos de consumo, e serían os equipos destinados a plataformas na nube os que padecerían ralentizacións, aínda que non todos por igual, como están a comprobar nas súas carnes os usuarios de servidores na nube de Amazon, que están a ver como as súas máquinas virtuais EC2 están a incrementar o seu consumo de CPU tras recibir as últimas actualizacións de seguridade só nalgúns casos, mentres que dende Amazon aseguran que na meirande parte das instancias non detectaron un impacto significativo dos parches. Amazon comprométese a axudar a solucionar os casos problemáticos.
No caso da outra grande vulnerabilidade, Specre, o rendemento non serían un problema, como confirman dende Google, compañía que vén de publicar un método de mitigación chamado Retpoline, que están a aplicar aos seus sistemas, e que protexería dos ataques de Spectre sen afectar de xeito perceptible ao rendemento dos servidores.
Microsoft aínda non aplicou os parches aos servidores de Azure (estando xa programada tal actualización) pero xa deron conta de que as súas consolas Xbox non teñen problema cos as vulnerabilidades desveladas esta semana, o que non sorprende por estar baseadas en procesadores de AMD.
Intel tamén declarou que xa conta parches que distribuirá a finais da vindeira semana que protexerán aproximadamente ao 90% dos procesadores lanzados nos últimos 5 anos, de xeito que boa parte do mercado poderá protexerse rapidamente das vulnerabilidades detectadas. Matizan que o impacto no desempeño dos equipos dependerá moito da carga que teña cada un, e confían en que as sucesivas actualizacións que vaian xurdindo mitiguen aínda máis este impacto que na meirande parte dos casos será imperceptible.

PUBLICIDADE