O influente José Elías estará no congreso anual de AJE Galicia, Construíndo Futuro

mércores, 27 de agosto do 2025 S. P.

O xoves 11 de setembro, o Auditorio de Ferrol será o escenario do Congreso anual AJE Galicia: Construíndo Futuro, unha cita de referencia no calendario empresarial galego que busca fomentar o emprendemento, impulsar o tecido empresarial e destacar o potencial da reconversión e do rural como motor económico.
Unha das actividades máis destacadas e agardadas será o relatorio de José Elías, empresario e presidente de Audax Renovables, que nos últimos anos foi quen de converterse nun dos grandes divulgadores do panorama empresarial español. A súa presenza en programas como Lo de Évole ou The Wild Project, así como en diferentes podcasts e plataformas dixitais como TikTok, consolidárono como un dos grandes influentes do momento e “unha voz moi seguida e recoñecida polo seu estilo directo e pola súa visión sobre o futuro económico e empresarial”, en palabras de AJE Galicia. Elías ten na súa canle de Youtube, a día de hoxe, 434.000 subscritores. Ten o seu propio podcast, Búscate la vida, e medio millón de followers en Instagram.
O Congreso contará tamén coa participación de destacados referentes do tecido empresarial galego, como Carmen Lence (Grupo Lence), Guillermo Martínez (Xanceda), Luis Rilo (JRilo), Sandra Suárez (Maruxas de Nata), Gabriela González (Vegalsa-Eroski), Javier Castiñeira (Resonac) e Carlos Ortiz de Lucas (Aloha Poké), que achegarán experiencias inspiradoras en diferentes sectores.
Ademais das mesas redondas e relatores, o evento incluirá un espazo de xantar-networking, pensado para favorecer a creación de sinerxías e novas oportunidades entre os asistentes.
O Congreso, organizado por AJE Galicia, conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do convenio de impulso ao emprendemento, e da Deputación da Coruña. A asistencia será gratuíta para socios/as de AJE e da Rede de Polos de Emprendemento, mentres que o resto do público poderá inscribirse cun prezo de 29 euros (IVE incluído), que dá acceso completo á xornada. Para formalizar a inscrición, pódese contactar directamente con AJE Ferrolterra no teléfono 634 164 508 ou a través do correo electrónico info@ajeferrolterra.org.