O informe La Sociedad Digital en España 2019 salienta os avances en transformación dixital

xoves, 21 de maio do 2020 Marcus Fernández

A Fundación Telefónica presentou hoxe o seu informe La Sociedad Digital en España 2019 no que analizan a revolución que estamos a vivir por mor da dixitalización e os datos que provocan cambios radicais nas nosas vidas, nos xeitos de traballar e nos modelos de negocio, provocando unha transformación que hoxe está aínda máis presente por mor da crise da COVID-19, que en España puido sobrelevarse bastante ben grazas ao elevado nivel de dixitalización.
Unha vez máis, o informe da Fundación Telefónica incide na necesaria aceleración da dixitalización da industria (especialmente nas pequenas e medianas empresas e autónomos), así como unha maior formación dixital dos cidadáns, elementos chave para a reactivación da economía tras a crise sanitaria que estamos a vivir.
A nivel de infraestruturas constatan a boa posición de España a nivel europeo, o que posibilita que 9 de cada 10 españois sexan usuarios da Internet e 3 de cada 4 fogares teñan cobertura de fibra óptica, sendo esta a tecnoloxía que máis está a medrar, pasando dunha cobertura do 63% ao 77% en só 2 anos.
No ámbito galego o informe recolle que o 88,8% dos fogares contan con conexión á Internet, o que supón un crecemento internaual de 6,2 puntos, medrando tamén un 6% as contratacións de banda larga. Consideran que o uso da Internet en Galicia é universal entre os menores de 34 anos, mentres que entre os individuos de entre 65 e 74 anos experimentouse un incremento importante.
O informe da Fundación Telefónica salienta especialmente o incremento galego do comercio electrónico, que acadou o 39,2% en 2019, superando en máis de 20 puntos o resultado rexistrado en 2017. As microempresas tamén medraron considerablemente na contratación de conexións á Rede, chegando ao 72,8%; e tamén resulta destacable ver que o 62,4% dos cidadáns galegos que fan uso da Rede interactuasen coas Administracións Públicas por canles electrónicas.
O documento publicado hoxe tamén menciona a moitas das iniciativas da Administración para avanzar na dixitalización, como o Plan de Banda Larga de Galicia 2020, o Plan Galicia 5G, a Axenda Dixital de Galicia 2020, o proxecto de libro dixital e-Dixgal, a Historia Social Única Electrónica, o Plan de Innovación Sanitaria Código100, a plataforma É-saúde, o Plan DigiTalent, o Plan DICO MindSet, o programa Galicia Open Future, o programa Connecting for Good Galicia, a estratexia Edudixital 2020, o Plan Senda 2020 de modernización da Administración de Xustiza e incluso o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020.

Vídeo promocional do informe

PUBLICIDADE