O intento de ocultación dun libro sobre Meta impulsa as súas vendas

luns, 17 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Non son poucas as ocasións nas que temos citado o efecto Streisand, que define o efecto de altofalante que provoca o intento de silenciar algo que probablemente non tería acadado visibilidade de seu. Aínda que tal fenómeno non é algo novo, actualmente atribúese a Barbra Streisand polo seu intento de eliminar da web unha fotografía aérea na que podía identificarse a súa casa en Malibú, e que antes da denuncia pasara desapercibida, pero que finalmente recibiu unha repercusión mediática que a actriz claramente non desexaba.
Pois agora o fenómeno está a repetirse co libro Careless People, escrito por unha antiga traballadora de Facebook, moi próxima a Mark Zuckerberg, e ante o que Meta está a exercer presión legalmente para que a súa autora, Sarah Wynn-Williams, non poida promocionar publicamente a súa obra amparándose nas condicións que aceptou cando deixou de traballar para Facebook.
Pero dado que estas condicións contractuais non afectan á compañía editora da obra, Meta está a conseguir o efecto contrario, non só pola publicidade de balde que está a conseguir Careless People, senón polo disparo das vendas do libro, xa que o feito de que Meta non queira que chegue ás mans do público é un incentivo para que moitos desexen comprobar directamente os contidos que se queren ocultar. Como mostra do éxito que está a ter Careless People, se visitamos a listaxe de libros máis vendidos na categoría de Política e Ciencias Sociais podemos ver a obra en 2 das 4 primeiras posicións.
Demóstrase unha vez máis que se queremos frear a divulgación dun contido a través da Rede, un dos peores xeitos para facelo é dando a entender publicamente que non desexamos que ninguén o vexa.

O libro está entre os máis vendidos en Amazon tras saberse que Meta non quere que se promocione